Martes, 13 Novembro 2018 13:49

Conferencia de Aurora Marco López, "A presenza feminina nas Irmandades da Fala"

6 de novembro

A presenza das mulleres nas Irmandades da Fala, e a pegada que deixaron na sociedade do seu tempo, foi máis ampla e de maior calado do que a primeira vista semella. Só que, como xa é sabido, o papel que xogaron as mulleres na historia sempre estivo marcado polo silencio e polo esquecemento. O seu papel foi desigual con respecto aos homes xa que era o que lles deixaban facer. Comezaron a traballar neste proxecto político e cultural desde a fundación o 16 de maio de 1916.

Malia os tímidos avances que se produciron nas primeiras décadas do século XX, non foi nada doado para as mulleres a incorporación aos espazos públicos. As irmandiñas non foron unha excepción neste ambiente xeral en que vivía a metade da humanidade. Aínda que a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, o compromiso e as actividades das militantes non foron en absoluto irrelevantes. No Manifesto das Irmandades dado a coñecer na Asemblea de Lugo o 18 de novembro de 1918, asinado por 64 irmandiños, non aparece ningunha muller, pero en dous dos seus artigos, faise referencia á igualdade de dereitos co home.

A lembrar as súas achegas en diferentes ámbitos de actuación e as traxectorias de varias irmandiñas, algunhas ben descoñecidas, dedicouse a parte fundamental da conferencia.

En 1907 María Barbeito reclama o dereito a voto nunha conferencia e que a muller non tivese medo á política. As mulleres proletarias participaron nas reivindicacións agrarias, mentres que as irmandiñas fixérono na cultura e na política, dado que tiñan estudios. Téñense datos fragmentarios sobre elas, e moitas só se ten o nome. Foron propagandistas, protestaron polo fusilamento das labregas de Sofán, recadaron fondos para facer unha bandeira, editaron algún material propio. Tiveron presenza no ámbito cultural, participando en representacións teatrais pois o teatro era un medio para a galeguización, sendo ampla a presenza nos coros, Ruada, Toxos e Flores, Cántigas da Terra ou Cántigas e Agarimnos. Fomentaron o coñecemento da música popular e do baile

Na Coruña constituíuse na Irmandade un grupo feminino, pero das electas na directiva non falou ningunha, senón o presidente Luis Peña Novo. Este grupo preocupouse pola situación laboral das mulleres con estatísticas sobre os traballos da muller galega, música e canto tradicional, sendo os chamados "traballos patrióticos".

No Seminario de Estudos Galegos houbo algunha muller. Tamén participaron con varios coros. En Madrid creouse o 17 de novembro de 1918 a Asociación de Mujeres Españolas, de ámbito estatal, que defendían a unidade de España fronte ás pretensións de independencia de Basconia e Cataluña, facendo un chamamento a todas as mulleres, polo que as irmandiñas lles responderon cun Manifesto. Para iso constituíronse baixo o nome de Sección Feminina das Irmandades da Fala co seu manifesto en castelan "Habla la mujer gallega. Respuesta a un manifiesto", no que negaban a unidade de España e o centralismo e defendían o recoñecemento da personalidade e a soberanía galega.

Anque citou a María Miramontes, viúva do alcalde de Santiago Anxo Carral, que se tivo que exiliar en Bos Aires despois de ser fusilado o seu marido, e Micaela Chao Maciñeira, aúnica muller que formou parte da comisión constituinte das Irmandades, deu información sobre catro irmandiñas, Amparo López Jeán, que era mestra, galeguista e republicana, que fopi presidenta da Agrupación Republicana Feminina e a primeira militante do Partido Galeguista na Coruña; Elvira Bao Maceiras, mestra, militante nas Irmandades e de ideas republicanas; Concepción González Varela, muller do escritor Manuel Lugris Freire e nai do pintor Urbano Lugris, relacionada co ensino e a música, ocupándose da divulgación da música galega; e Adela Martínez García, coñecida como "mamá Adela" ou Adela Mejuto, apelido do seu marido, autodidacta con formación elemental, tamén republicana, que axudou a moitas persoas represaliadas ás que lles facilitaba a pasaxe en barco para exiliarse, sendo posible que fose afiliada ás Irmandades pola actuación posterior no Partido Galeguista fundado en 1931. Outras formaron parte en 1933 da Agrupación Republicana Feminina na Coruña.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO