Despois visitamos en Fonseca a exposición "Con Galiza sempre no horizonte" dedicada a Camilo Díaz Baliño (1889-1936), tamén fusilado polas súas ideas, e ao seu fillo Isaac Díaz Pardo (1920-2012). Na sala do Artesoado estaban obras e fotografías de Camilo Díaz que chegou de Ferrol a Santiago en 1920 para traballar de escenógrafo da empresa teatral de Isaac Fraga. Tamén será cartelista, facendo para o Concello os das festas do Apóstolo, e tamén para empresas privadas, como a empresa Castromil de transporte, tamén había tres do referendo do Estatuto de Autonomía, e portadas de revistas, especialmente Lar, e libros. Destacan catro alegorías, no estilo Art-Déco, sobre as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que fixo para a emisora Radio Santiago inaugurada en 1933. A exposición remata cos retratos a lapis doutros amigos feitos na cadea que tamén foron fusilados, e dous pequenos cadros que representan un a tres seminaristas e o outro a tres cóengos.
Na sala da capela gótica están algunhas obras de cerámica feitas por Isaac Díaz Pardo en Arxentina, fotografías e deseños de Carlos Maside, con referencia á creación do Laboratorio de Formas de Galicia, coas cerámicas do Castro e Sargadelos.
Despois de xantar visitamos o Museo do Pobo Galego acompañados de Xosé Manuel González Rebordo, membro do padroado, facendo un percorrido polas salas, e como deferencia especial, visitando as bibliotecas e un dos almacéns. Ao rematar visitamos na igrexa de San Domingos de Bonaval a exposición "Alba de Gloria", dedicado ao célebre discurso de Castelao radiado desde Bos Aires o 25 de xullo de 1948, con motivo do día de Galicia, que se puido escoitar íntegro.