Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
Na páxina http://www.gzcultura.org/campantildeas.html estase a relaizar unha campaña pola titularidade pública e o desfrute universal do patrimonio artístico das antigas Caixas de Aforro Galegas. Podedes premer na ligazón para obter máis información e asinar a favor desta campaña.
Lugopatrimonio, lamenta a retirada do Museo Provincial de Lugo dos fondos de ourivería castrexa e pintura depositados no seu día polo mecenas lucense don Álvaro Gil Varela, debido á falta de acordo entre a Deputación Provincial e os herdeiros aos que o Tribunal Supremo, confirmou dúas sentenzas anteriores obrigando ao Museo a devolución, cuxa propiedade lle fora negada polo anterior presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Agora, despois de varios anos de conversas cos herdeiros de don Álvaro Gil Varela, e como era de agardar, esta lección de pintura e ourivería váisenos, e con ela, o que até agora foi un símbolo lugués propio, colectivo, o cal nos empobrece e nos deixa na tristeza. Somos conscientes dos esforzos que o actual deputado de Cultura, D. Mario Outeiro, fixo, e iso é xusto lembralo. E botamos de menos tamén unha maior actividade por parte dos diversos sectores culturais da provincia de Lugo durante estes longos meses de conversas, encontros e desencontros, como tamén o estraño desinterese que ao respecto mostrou a Xunta de Galiza en todo momento.
Ante este fatal desenlace é de agardar que as institucións locais e autonómica fagan un esforzo para compensalo, investindo nos proxectos abertos de arqueoloxía, actualmente parados, e moi especialmente no Museo da Romanización que non só non reagrupa e reorganiza tanta riqueza de obxectos romanos atopados na cidade, senón que deixa no abandono total un edificio singular da mesma.
Esperamos, así mesmo, e como corolario desta experiencia, que outra grande colección artística galega, como é a de Nova Caixa Galicia Banco, pola desidia dos actuais gobernantes, non remate en mans dos coleccionistas europeos ou mesmo norteamericanos.
Lugo, a 25 de outubro do 2013
Por LugoPatrimonio, o presidente
Lois Diéguez
Outubro e Novembro
31 outubro, xoves: anotacións ás visitas e merenda do 30 de novembro, na Pazo das Pombas (Praza do Campo) entre 19 e 20.
15, venres: proxección da película "O nome da rosa", do director Jean Jacques Annaud, baseada na novela do mesmo nome de Umberto Eco , ás 19,30 h. no salón de actos da Deputación Provincial, como remate do ciclo "Coñecer o Gótico". Introdución: Lois Diéguez.
30, sábado: 15:30 h.: visita á Catedral de Lugo para ver: cubertas e parte gótica, pinturas da Capela Maior. De seguido, convento de san Francisco e San Domingos.
19 h., merenda: chocolate con churros no Hotel Méndez Núñez.
Decembro
Día 2, luns: anotacións para a Festa do 14, na Galería Sargadelos, entre 19 e 20 h.
Ás 20 h.: Asemblea Xeral anual, na Galería Sargadelos.
Día 14, sábado: Contos e música na Finca Galea de Alfoz: Entrega de premios aos asociados-as distinguidos este ano; contos, chistes e música con intervención aberta. Almorzo e xantar. Visitas á Finca da Galea e ao seu museo da Auga. Até as 20 h. que regresaremos a Lugo. Detallarase o Programa completo nos próximos días. Facemos unha chamada ás asociadas e asociados para que preparen as intervencións segundo o seu criterio.
Lugo, outubro 2013
A Xunta Directiva
Información máis detallada das visitas no seguinte documento:
As asociacións Lugo Patrimonio, Cultura do País e Mariña Patrimonio a vista da información facilitada polo Ministerio de Fomento, deducen que lonxe de tomar as medidas necesarias para a protección e conservación do importantísimo conxunto arqueolóxico do castro Valente, que a súa intención é a destrucción da necrópole de finais da Idade do Bronce.
Esta dedución ben avalada polo feito de que antes de rematar a prospección arqueolóxica e de elaborar os preceptivos informes necesarios para avaliar a importancia do descuberto, ten tomada a decisión, non para respectalo e conservalo, senón para destruílo coa complicidade da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que neste caso actúa cun silencio incomprensible nunha Administración que por lei ten a obriga de amparar a conservación dun patrimonio milenario e común.
Tendo en conta que entre os obxectivos fundamentais das nosas asociacións está a defensa do Patrimonio, facemos un chamamentos as institucións galegas da cultura, á fiscalía de patrimonio e aos cidadáns que comparten o mesmo interese, que apoien as accións que fagan posible a conservación deste complexo arqueolóxico único, e que en calquera país civilizado e cun mínimo de sensibilidade, protexería, conservaría e daría a coñecer.
Por último lamentamos que unhas administracións públicas que deberían ser exquisitas no cumprimento da lexislación en materia de conservación do Patrimonio, se mostren insensibles diante de casos tan escandalosos como o do castro Valente.
En nome das Asociaciñons que asinan o escrito:
Lois Diéguez, presidente de LugoPatrimonio
Lugo, a 8 de xuño do 2013