Non cabe dúbida de que esta é unha das noticias máis gratas que animan o traballo polo noso patrimonio cultural, neste caso da provincia de Lugo e da mesma Galiza. Repoñer as pezas de ourivaría que Álvaro Gil deixou ao Museo Provincial de Lugo é un respiro para ese valeiro que hai meses xurdiu nalgunha das súas salas. Poida que o prezo a abonar por elas non sexa baixo, pero o seu valor esixe o pago e con isto asegura tamén non só a riqueza en pertenzas do noso museo senón tamén un bo futuro económico e expositivo que indubidabelmente traerán estas pezas.
Botamos de menos, con todo, que non se incorporaran a este legado os cadros de pinturas que completaban o noso panorama artístico e mesmo histórico, como os que eran da autoría de Xesús Corredoyra nos que chegan a aparecer personaxes como Luís Pimentel, dous monumentos, por así dicer, da propia cidade de Lugo.
Parabéns, por tanto, á Deputación de Lugo representada neste caso polo Delegado de Cultura, Mario Outeiro, e á familia de Álvaro Gil, que con este xesto volve animar as esperanzas patrimoniais, obxectivo das asociacións que loitamos polo noso patrimonio.
Lugo, 23 de xuño do 2014
Lois Diéguez, presidente de LugoPatrimonio.