O groso das investigacións, realizadas neste período de case 50 anos, foron executadas no recinto campamental aínda que tamén se fixeron, con menor intensidade, escavacións arqueolóxicas fora deste espazo máis concretamente no entorno do manancial das augas termais relacionadas coa súa parte civil.
Deu conta de que do establecemento militar xa se leva exhumado algo máis da súa metade o que permitiu avanzar de xeito considerable en esclarecer tanto aspectos urbanísticos como cronolóxicos ou aqueles relacionados coa unidade acantonada en terras da Baixa Limia.
Así o campamento aparece estruturado seguindo os modelos clásicos coñecidos para este tipo de xacementos organizado en torno a dous eixes de carácter principal, de norte a sur a via principalis e de leste a oeste as vías decumana e praetoria interrompidas polo edifico máis importante de todo asentamento militar, os principia facendo as funcións de cuartel xeral destinado a labores administrativas, xurídicas e relixiosas. Si a estes dous eixes de carácter principal se lle engade un terceiro formado pola vía quintana o recinto militar aparece dividido en tres partes, na banda occidental a zona da retentura, na parte central os latera praetori e na oriental a praetentura.
Santiago Ferrer afirmou que na zona da retentura, dividida en dúas metades pola vía decumana, foron exhumados unha serie de edificios cada un deles destinado a funcións diferentes. Así no ángulo noroccidental descubríronse catro edificios independentes, dous destinados a albergue de tropas, o hospital ou valetudinarium e os horrea ou graneiros destinados a intendencia militar. No ángulo suroccidental hai outros dous edificios destinados a albergue de tropas e as latrinas.
Na zona dos latera praetori pódese ver como o edificio dos principia aparece flanqueado por outros dous barracóns de tropas o que está a indicar que tanto na parte central como na occidental estaban establecidas as seis centurias que formaban parte dunha cohors de infantería quedando o resto da zona da praetentura para o asento de catro turmas de cabalaria, formando un continxente mixto de tropas de infantería e cabalaría coñecido como unha cohors quingenaria equitata.
Na actual campaña arqueolóxica estase a escavar o edificio do praetorium, residencia do mando superior da unidade, un verdadeiro palacete que pasa dos mil metros cadrados de superficie, destinado a albergar a súa dona os seus fillos e escravos denotando o carácter piramidal da sociedade romana.
Viaxe ao campamento romano de Aquae Querquennae e Santa Comba de Bande
16 de setembro
Despois da conferencia de Santiago Ferrer Sierra, visitamos o xacemento arqueolóxico situado ao pé da Vía Nova. Previamente visualizamos un vídeo na sala do Centro de Interpretación que nos serviu de recordatorio do escoitado na conferencia. Despois, acompañados por un guía do Centro, iniciamos o percorrido que comezou ao pé da muralla que pecha o recinto campamental, da que facilitou as súas características. Despois de entrar por unha das portas principais fíxose un pormenorizado recorrido por todas as partes rematando na zona dos hórreos e nas estancias dedicadas a hospital. De novo no Centro de Interpretación Aquae Querquennae - Via Nova, rematamos a estadía coa visita a exposición permanente.
Despois de xantar visitamos a igrexa visigoda do século VIII de Santa Comba de Bande, levantada sobre un edificio romano anterior, posiblemente un ninfeo, seguindo as explicación da encargada e da tesoureira da Asociación, Julia Cantalapiedra Álvarez.
Ao rematar, nunha casa situada fronte da igrexa, visitamos o “Taller dos iconos” acompañados da súa autora Soledad Blanco, que nos chamaron a atención pola súa calidade de execución.