Proxección do documental “Mulleres co mundo na cabeza. Os camiños do Pindo” e conferencia da profesora Encarna Otero Cepeda sobre “As mulleres que constrúen vidas. O traballo das de Muros”
22 de febreiro
Como actividade previa a viaxe realizada o día 12 de marzo ás vilas de Noia e Muros, proxectouse o documental homenaxe ás mulleres anónimas do Pindo, que sustentaron ás súas familias cos materiais que transportaban. Encarna Otero traza desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, grupo “Imaxe e voces” no que están tamén Beatriz, Teresa e Genma, unha historia inspirada nas fotografías que polos anos 20 do século XX, fixo a norteamericana Ruth Matilda Anderson, establecida a través dos testemuños de Olimpia Oreiro, Marisa Vázquez e Marisa Beiro, tres veciñas da zona que reconstrúen a súa vida como cesteiras que percorrían os camiños de Carnota e Monte Pindo para levar a Muros ou Ézaro o leite e diversos produtos cultivados por elas, despois vendidos para o sustento das súas familias, moitas delas cos maridos na emigración, especialmente a Estados Unidos, alí denominados “os do Norte”, que cando viñan traían libros, polo que sorprende que se instruíran a través da lectura..
A directora do documental, a profesora Encarna Otero Cepeda, xustificou o documental seguindo a liña de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega destinada á elaboración de vías e medidas que permiten pór en valor e dar visibilidade ás contribucións das mulleres á cultura galega e universal, Memorias de vida en vivo é un proxecto interdisciplinar encamiñado a recuperar testemuños, imaxes e voces de mulleres galegas que traballaron e viviron en tempos xa mudados e que hoxe son aínda memoria viva.
A historia oral é unha forma de investigación imprescindíbel para coñecer persoas, relacións e aspectos da realidade social pouco investigados e que non deixaron pegada nas fontes ordinarias, máis abondosas nas pescudas académicas.
As mulleres, polo xeral silenciadas e invisibilizadas, fan parte da historia; por iso a súa memoria se configura como unha fonte viva e rica para coñecela en toda a súa amplitude. Por iso sinalou que cómpre recoller os seus testemuños antes de que desaparezan para así dar conta dunha realidade social que situou e sitúa a vida e o traballo de moitas mulleres como parte da economía chamada “informal”; é dicir, fóra dos circuítos regrados.
Despois facilitou detalles da vida da protagonista Olimpia Oreiro, á que lle morre o seu marido Pepe nun accidente de traballo en Alemaña. Conta como recibe correspondencia oficial que non entendía por estar en alemán, pero ela localiza a un alemán que residía na zona para que lla traducise, e como vai falar á Coruña co avogado Enrique Aller Cerviño, que tiña no despacho una gran foto das sufragistas que chamou a atención, para que lle arranxase os papeis que precisaba para que o fillo e a filla tiveran unha pensión ata os 25 anos para estudiar, xestións polas que nada lle cobrou.