14 de decembro
A temática desta conferencia está relacionada co Patrimonio Industrial, ao que vimos dedicando a nosa atención, que completaremos cunha viaxe a Allariz no mes de abril de 2022, para ver as aldeas fábricas do curtido de Vilaboa e a Acea de Meire; Augas Santas e Armeá.
O conferenciante definiu o que é unha fábrica de curtumes para despois pasar a dicir que Galicia a día de hoxe non dispón dun catálogo ou inventario de patrimonio industrial, e só moi recentemente ven de incluído como unha categoría singularizada do patrimonio cultural.
Pasou a continuación a analizar o patrimonio industrial galego dos curtumes desde catro perspectivas diferenciadas, aínda que complementarias: as paisaxes industriais, a memoria do traballo, os bens técnicos de produción e o patrimonio arquitectónico.
Unhas e outros testemuñan que a actividade de transformación das peles en coiros deixou un patrimonio industrial extenso e singular, que merece ser incluído no acervo do patrimonio cultural de Galicia, do mesmo xeito quer as catedrais, os castelos ou os `pazos.
Esta industria comezou a desenvolverse no último cuarto do século XVIII na Coruña e Ferrol, e despois no resto do territorio. Un de cada catro concellos tiña fábrica de coiros. En Santiago e Allariz formáronse conxuntos ou aldeas dando lugar a unha paisaxe industrial que non ten que ver coa inglesa da fundición e da louza, ou a da minería asturiana.
Explicou os tipos de aldeas que clasificou en lineal, en grupo de varios curtidoiros ou na beira dun río, caso dos dous da Chanca en Lugo. Nas aldeas é habitual que esta industria se compatibilice con outras actividades agrarias, onde o empresario é ao mesmo tempo traballados. Estamos pois ante unha sociedade industrial de baixa intensidade.
Én un traballo penoso, non só polo cheiro senón tamén para a saúde pola utilización de produtos químicos sen protección. Finalmente detívose en describir as construcións e os materiais empregados, xeralmente os propios do lugar, empregándose o granito para os pilos e no oeste do edificio e a lousa no leste. Na planta baixa facían as dúas fases do proceso, e despois estaban o secadoiro. De 250 fábricas de este tipo que había en Galicia só quedan 3.