A primeira policromía, a máis antiga,é a de 1138. En 1218 consagrouse a catedral sendo promotor da obra Afonso IX. Esta policromía era moi rica, con pan de ouro e diferentes pigmentos, entre os que se atopaba un moi caro, o azul obtido do lapislázuli, sendo o aglutinante o aceite, por tanto é unha pintura ao óleo. Fixo comparacións co baptisterio de Parma, Notre Dame de Sentis e o Duomo de Ferrara. Os materiais estrela foron o lapislázuli, procedente de Afganistán, e o ouro empregados en túnicas e mantos, así como no centro, asociados á luz da creación. Tamén había estampillados en ouro imitando os luxosos vestidos da nobreza medieval. Tamén se incrustaron pedras nas coroas das oito figuras centrais, das que só quedan os ocos. Eran cristal de rocha ou vidro para poder ver a cor do fondo. As policromías posteriores serán máis pobres, con pan de ouro, de xeito que o Pórtico convertese nun retablo máis.
A segunda policromía é tardogótica, do ano 1520, feita polo mestre Martín de Blas, o mesmo mestre da portada do Hospital Real. Era arcebispo Alonso III de Fonseca. Case todas as figuras están douradas, pero neste ocasión o lapislázuli substitúese pola azurita que era máis barata. Aplícanse laminas de estaño que se repuxan e se douran para facer os debuxos dos veludos que imitaban os bordados en relevo de influencia flamenca pois na catedral por esa época traballaba Cornellis de Holanda.Na bóveda da capela de San Fernando tamén hai esta tipoloxía pero non se coñece o autor.
A terceira policromía é a renacentista. Despois de 1606 ten lugar a construcción da nova portada. Son escasos os peregrinos que citan o Pórtico nos escritos e por tanto a policromía. Vólvese a dourar con pan de ouro pero de peor calidade. A que se descubriu nos profetas e nos apóstolos corresponde a esta etapa. Retirouse o estaño e píntase utilizando o estampillado. Tratan de arcaizar a policromía utilizando motivos decorativos dos séculos XIV e XV.
A cuarta policromía é parcial, e corresponde ao arcebispo Fernando de Andrade Sotomayor. Pinta as carnacións (caras, pés e mans) Crispin de Avelino en 1561. En este momento barroquizase o Pórtico, imita o natural, e colocáronlle unha portas como cortaventos.
Nos anos posteriores non se intervén, só se fan reparacións. Na construcción da nova facha e no baleirado feito en 1866 para o Victoria and Albert Museum de Londres rompéronse partes ao facer o arranque dos moldes que foron substituídas con escaiola.
A quinta policromía fíxose en tempos do cardeal Miguel Payá Rico (1874-1876), posiblemente en 1877 cando recibiu nese lugar a Afonso XII. Restaurou o Pórtico e non permitiu que desaparecese a policromía. En realidade a "restauración" consistiu en cubrir con aceite os apóstolos, repolicromar e repintar o Santiago do parteluz e o Salvador do tímpano.
Rematou a conferencia dicindo que no século XX houbo varias intervencións fallidas por falta de medios económicos, pois apareceren pigmentos modernos.