Tamén sinalou que como era ben sabido, o Pórtico da Gloria non se limitaba á tripla arcada que completa a nave central da catedral cara ao oeste, senón que se trata dun conxunto máis amplo, é un espazo sacro con personalidade propia, que inclúe varios niveis de lectura na súa mensaxe iconográfica, tres alturas e que contaba, no seu corpo principal, cun nártex completado por unha contra fachada e unha fachada exterior orixinalmente aberta ao exterior.
O conferenciante centrouse na referida fachada, a parte menos coñecida e estudada do proxecto mateano; nos seus posibles antecedentes inmediatos e nos interrogantes que, a partir do seu estudo estructural, así como dos elementos, arquitectónicos e escultóricos, identificados como parte da mesma e recuperados en distintos momentos, aínda seguen suscitando interese e controversia entre os investigadores.
Dixo que particularmente complexo resultaba, aínda, a análise do conxunto escultórico da referida fachada, reunido excepcionalmente, no caso daquelas pezas recuperadas, con ocasión da exposición Mestre Mateo e recentemente declarado BIC pola administración autonómica.
Yzquierdo afirmou que parece claro que o discurso iconográfico da portada iría encamiñado ao anuncio do que está por vir no interior, culminado no gran tímpano central; pero que resultaba arriscado, salvo nalgún exemplo concreto, caso das esculturas de David e Salomón, decantarse por unhas identidades en concreto, máxime ao terse perdido os textos das cartelas e non conservarse a totalidade das pezas.
Rematou facendo referencia ao estado da cuestión no que atinxe ao coñecemento da fachada occidental medieval da catedral compostelá, e os camiños a seguir, en diante, sobre este tema, a partir das pezas, as fontes históricas, as investigacións realizadas nas últimas décadas e os achados máis recentes.