Lugopatrimonio, lamenta a retirada do Museo Provincial de Lugo dos fondos de ourivería castrexa e pintura depositados no seu día polo mecenas lucense don Álvaro Gil Varela, debido á falta de acordo entre a Deputación Provincial e os herdeiros aos que o Tribunal Supremo, confirmou dúas sentenzas anteriores obrigando ao Museo a devolución, cuxa propiedade lle fora negada polo anterior presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Agora, despois de varios anos de conversas cos herdeiros de don Álvaro Gil Varela, e como era de agardar, esta lección de pintura e ourivería váisenos, e con ela, o que até agora foi un símbolo lugués propio, colectivo, o cal nos empobrece e nos deixa na tristeza. Somos conscientes dos esforzos que o actual deputado de Cultura, D. Mario Outeiro, fixo, e iso é xusto lembralo. E botamos de menos tamén unha maior actividade por parte dos diversos sectores culturais da provincia de Lugo durante estes longos meses de conversas, encontros e desencontros, como tamén o estraño desinterese que ao respecto mostrou a Xunta de Galiza en todo momento.
Ante este fatal desenlace é de agardar que as institucións locais e autonómica fagan un esforzo para compensalo, investindo nos proxectos abertos de arqueoloxía, actualmente parados, e moi especialmente no Museo da Romanización que non só non reagrupa e reorganiza tanta riqueza de obxectos romanos atopados na cidade, senón que deixa no abandono total un edificio singular da mesma.
Esperamos, así mesmo, e como corolario desta experiencia, que outra grande colección artística galega, como é a de Nova Caixa Galicia Banco, pola desidia dos actuais gobernantes, non remate en mans dos coleccionistas europeos ou mesmo norteamericanos.
Lugo, a 25 de outubro do 2013
Por LugoPatrimonio, o presidente
Lois Diéguez