Deberamos saber, máis aínda os que teñen responsabilidades de goberno,
cal é o estado da cuestión do patrimonio cultural da Igrexa e do que non
se sabe, oculto en clausuras, adegas, faiados... tamén que, ó fin e ó
cabo, foi a Igrexa a que mantivo e propiciou románicos, góticos,
renacementos ou barrocos entre liturxias vivas. Debemos saber tamén
como anda o patrimonio do Exército nos seus cuarteis, o patrimonio,
industrial...como está o mesmo patrimonio da Universidade, en
facultades, nalgunha das que se forman xestores culturais, coas súas
coleccións, documentos... Saber en que situación se atopa o patrimonio
da Administración, en Concellos, Deputacións... con obra artística
repartida por despachos, quizais esquecida en almacéns... E coñecer
como están os “fondos en reserva” dos mesmos museos.
Mergullarse no mercado legal, vixiar o ilegal de antigüidades e de
arte, o que se ve e o que non se ve. Transaccións arredor de antolóxicos
anacos da Historia, que pasan de man a man até que esvaece a pista: a
Lúnula de Cerdido, o Medallón do Pindo, doado ó decimonónico ministro
Romero Ortiz e finalmente perdido no Museo dos Alcázares de Toledo... A
Cruz de Alfonso III da Catedral de Santiago, desaparecida no 1906; o
broncíneo Eolo de Espasante, o alixo da idade do bronce de Monforte,
parte de torques áureos de Xanceda... cousas que temos comprobado
existen.
Bens extraviados por diferentes motivos, e sempre a
ignorancia por medio, esa falla de amor ás nosas cousas e o conseguinte
abandono, namentres outros asexan. Mesmo pezas estragadas pola
voracidade climatolóxica e polo inevitable paso do tempo. Falla de
profesionalidade na xestión cultural, transaccións e préstamos non
devoltos, seguidos despois da perda da memoria... Namentres se empobrece
o que ofrecemos nos museos e apampamos por grandilocuentes carcasas e
montaxes virtuais que axiña pasan de moda. Os documentos históricos son
inversións en alza. Proba de que a museoloxía en Galiza non avanza.
Sabía e servíase ben Murguía e saben @s historiador@s do que de Galiza,
das súas cidades, mosteiros, catedrais, castelos e pazos, había e hai
no Arquivo Histórico Nacional de Simancas e Madrid, no Escorial, nas
feudais casas de Alba, Medinaceli ou de Medinasidonia, e máis arquivos.
Sabemos como o British, entre outros grandes museos, ofrecen
entre as súas coleccións “célticas” torques de Galiza, mesmo báculos
abaciais, esmaltes, relicarios que formaron parte do tesouros dalgunha
casa, pazo, mosteiro ou catedral e que un día saíron pola porta
faxeira. Como desapareceu o esmalte central de Limoges da arquiña do San
Martiño da Catedral de Ourense, ou como no 1913 foi a venda por parte
do Duque de Alba da pintura da Epifanía, obra do mestre flamenco Van der
Goes do Colexio de Santa María da Antiga de Monforte de Lemos, hoxe
estrela na Gemäldegalerie de Berlín. Un de tantos enganos entre
listos e parvos, como se de colonizadores e colonizados se tratara. As
diademas da Ría do Eo no Arqueolóxico de Madrid e no Lázaro Galdiano...
As Cantigas de Alfonso X na
Biblioteca Nacional de Madrid e tantas outras custodiadas en coleccións
e bibliotecas do mundo. A coidadosa Biblia feita polos xudeus
coruñeses, do 1475, na actualidade na Bodleian Library de Oxford, coñecida como “Biblia Kenikott”.
O mesmo camiño de ida e sen volta fixeron as laudes hebreas atopadas na
Punta dos Xudeos, Palloza coruñesa, cara ó madrileño Museo Arqueolóxico
Nacional, hoxe parece que no Museo Sefardí de Toledo. O crucifixo do
sc. XIV, procedente da parroquial coruñesa de Santiago, “prestado”a
fins dos anos corenta para unha exposición sobre Colón no entón
restaurado Mosteiro da Rábida, Palos de Moguer, e alí quedou a
perpetuidade, xa como “Cristo de los navegantes o de “La Rábida”
… E se de cristos se trata, vixiemos o tamén gótico do Cebreiro, o
que polos anos sesenta e por razón de seguridade, cedeuse ó Museo Nacional de Escultura de Valladolid
(?), para facerse una copia e poñela no altar. Co esperpento de que,
recentemente, “restaurouse” a copia e nada se pregunta do orixinal.
A
Colección Blanco Cicerón de arte e arqueoloxía, como o arquivo do
historiador Ángel del Castillo, as de numismática de Cuena, Orol, que
desmanteladas saíron en poxa en diferentes galerías arredor do ano 2000.
Pese á falla en museos galegos das coleccións monetarias acuñadas nas
cecas da Coruña e de Xubia.
Si, houbo decimonónicos intentos de
reunir antolóxicos anacos do crevatestas da Historia de Galicia como na
Exposición Rexional de 1909 en Compostela, con obras antolóxicas, moitas
das que agora nin se sabe. A placa de mármore coa xenealoxía nazarí,
atopada tras o altar da betanceira igrexa de Santa María do Azougue,
botín e ofrenda dun de tantos galegos metidos a conquistadores en terras
de mouros, hoxe no Museo da Alhambra. Velaí tamén as catro
columnas do primitivo altar da Catedral compostelán, repartidas polo
mundo, as esculturas románicas desaparecidas polos primeiros anos
cincuenta dos tímpanos do Mosteiro de Carboeiro, nas ribeiras do Deza,
agora no Museo Marés de Barcelona. Os leóns de mármore de
Carrara do Pasatempo de Betanzos, hoxe na entrada ó parque de Covadonga.
E as esculturas dos dous profetas, Abraham e Isaac, obras de Mateo e que complementaban o Pórtico da Gloria da
catedral de Santiago, que mercadas no 1947 ó conde de Ximonde polo
Concello de Compostela, o alcalde Porto Anido, decidiu regalarllas ó “Generalisimo”
que a tantos bos e xenerosos levou ós paredóns e deixou nas cunetas,
hoxe no coruñés pazo de Cornide... Velaí acibeches galegos nas vitrinas
da Colección madrileña Valencia de don Juán. No 1926 o
Concello da Coruña presidido por don Manuel Casas inaugura no Salón da
Alcaldía unha vitrina con autógrafos de Rosalía Castro, o selo que ela
usaba... ulos hoxe?
Sabemos do enfrontamento cos museos
centralistas de Ferro Couselo, Filgueira Valverde e especialmente de
Chamoso Lamas. Algo temos vivido referente ó Casco de Leiro (Rianxo) que
dende o 1975 se mostra no Museo Arqueolóxico do Castelo de S.Antón da
Coruña, fronte á teima de Martín Almagro de levalo a Madrid. Pola contra
velaí o “Códice da Coruña”, logo “Códice Tudela” e finalmente “Códice del Museo de América”,
onde se mostra en Madrid, obra azteca do século XVI traída á Coruña por
algún viaxeiro e que até 1947 na casa da rúa Tabernas dos Bermúdez de
Castro e co que xogaba de neno Carlos Martínez Barbeito, segundo contou.
E velaí, máis recente, o modio romano de Ponte Punide, no Museo
Arqueolóxico de Madrid.
A mellor obra de Fernando Álvarez de
Sotomayor, cedida ó Estado, foi repartida entre despachos, embaixadas,
non reclamada, pese a súa ausencia nos museos galegos. Entre outros
baleiros de obras antolóxicas que si se prodigan por corredores e
despachos de entidades privadas, o caso de Llorens, Urbano Lugrís,
Sucasas... debuxos e pinturas do Primeiro Picasso, do seu pai, dos seus
mestres e compañeiros coruñeses... E tantas cousas da ciencia galega,
país de aviadores como Loriga, que até levaron as súas cinzas dende
Losón en Lalín a Madrid... Piñeiro, Iglesias Braxe, cun gran legado de
documentos, obsequios... A Historias da fotografía e do Cine, asociado ó
porto e ás feiras: Sellier, Lino Pérez, Claudino Pita, Isaac Fraga,
Cesáreo González... E xa vemos en museos nórdicos barcas, carros
galegos... e non tardaremos en ver outras nosas cousas. ¿E qué pasou co
Museo de Fenosa?, tan en relación cos encoros, coa electricidade, ¿Qué
pasou co Museo da Radio da R.N.E da Coruña ?... Algunhas de tantas
cousas que se me ocorren hoxe, e o que non se sabe. Acabaremos crendo
que Galiza nada tivo e nada ten.