Partindo dunha ampla experiencia de mais de tres décadas como arqueólogo e investigador independente no ámbito da ourivaría galaica, o conferenciante expuxo de xeito crítico, autobiográfico e incisivo as diversas etapas e circunstancias nas que se desenvolveron as súas pescudas, desde a formación en centros universitarios galegos, españois e portugueses ata a publicación dos resultados das mesmas, evidenciando un panorama institucional xenericamente pouco alentador, ineficiente e obstrucionista, caracterizado polo desleixo académico interior, pola progresiva elitización universitaria, polas dificultades no acceso ao estudo directo dos materiais, polo sistemático desperdicio do talento xuvenil e pola prédica oficial de unha teórica excelencia, en manifesta oposición a unha práctica pouco menos que indixente.
Ao longo da exposición, tratou polo miúdo, con multitude de exemplos concretos abertos á opinión crítica do auditorio, diversos aspectos de interese sobre o ouro, a ourivaría e os galaicos:
O papel das universidades en canto centros de formación.
O papel das universidades como centros de investigación.
O papel dos museos como depositarios das principais colecións de ourivaría.
A dispersión dos fondos e o seu estado de conservación.
A existencia ou inexistencia de inventarios, catálogos e publicacións de materiais.
A investigación individual e a conformación de equipas multidisciplinares.
As técnicas e os recursos analíticos: balanzas de precisión, radiografías, MEB…
Os proxectos de investigación e o seu financiamento.
O papel dos coleccionistas, das fundacións e doutras institucións privadas.
A exposición dos materiais: fondos permanentes, mostras temporais...
As interpretacións históricas e sociolóxicas: valor, propiedade, uso, xénero...
Análises tipolóxicas, formais, simbólicas, químicas, ponderais...
A maior concentración de ouro ao longo de toda a prehistoria europea.
A Gallaecia como “Eldorado” da Antigüidade, etc.
Rematada a exposición que resultou moi amena e interesante, houbo un coloquio co público.