O 15 de xuño e por iniciativa de Lugo Patrimonio, no salón de actos da Deputación recordáronse os inicios, facía 30 anos, coincidindo coa construción dos aparcadoiros subterráneos, das escavacións arqueolóxicas na capital lucense, previas ás intervencións no casco histórico e a súa zona de influencia. O presidente da asociación Adolfo de Abel Vilela, no inicio das escavacións exercía como delegado provincial de Cultura. Interviñeron o exalcalde Vicente Quiroga, a arqueóloga municipal Covadonga Carreño e o xornalista Ernesto Sánchez Pombo; moderou Branca Rodríguez Pazos, vicepresidenta da asociación.
Abel Vilela fixo unha exposición da situación precaria en que estaba a delegación provincial da Consellería de Cultura, sen arqueólogo e sen lexislación autonómica, estando recentemente aprobada a lei de Patrimonio estatal, sen desenvolver, que era a que se trataba de aplicar. Explicou que se dictáronse unhas normas de acordo co Concello que obrigaba a facer escavacións en área, catas e prospeccións, segundo os casos. Relatei como un coñecido avogado lucense, que quería construír unha casa na rúa de San Froilán, insultoume no meu despacho porque tiña que facer catas no lugar onde se tiñan que ir as zapatas.
Ao ver que aparecían restos arqueolóxicos, o entón alcalde, Quiroga, chamou a un arqueólogo de Milán, Mario Mirabella Roberti, que certificou que os achados tiñan importancia. Arqueólogos da Universidade de Santiago fixeron catas durante sete meses na Praza da Constitución. Pero como pasaba o tempo e a empresa Dragados y Construcciones tiña que comezar as obras, o concelleiro de Tráfico, Alfredo Mosteirín Castañer, deu orde a unha escavadora que comezase o seu traballo, sendo arrasado un mosaico o que provocou que os arqueólogos en sinal de protesta se negasen a realizar as escavacións.
Carreño pola súa banda, explicou que nunha reunión celebrada en Santiago, Mosteirín pediu aos arqueólogos galegos que se fixesen cargo das escavacións e, como non quixeron, ofreceuse Antonio Rodríguez Colmenero, naquel momento profesor na Universidade de Oviedo que escavaba no campamento militar de Bande (Ourense).
A lei de Patrimonio de 1985 obrigaba a redactar un plan de arqueoloxía, pero mentres non existía a Comisión Provincial de Patrimonio, tiña que dar a aprobación a calquera actuación antes de concederse a licenza de obra. O Plan de Urbanismo de 1991 e o PEPRI de 1997 xa incluíron unha normativa sobre escavacións. Despois fixo unha descrición do atopado que permite coñecer no momento actual como era o trazado do Lugo romano. A ubicación do foro descubriuse ao facer o seguimento da pavimentación das rúas antes de facer peonís o recinto histórico.
O entón alcalde, Vicente Quiroga, asumiu a súa responsabilidade nas cousas que se fixeron mal, como o episodio da Praza da Constitución, pero engadiu que aquel erro foi o principio para poñer en valor a arqueoloxía en Lugo. Fixo un relato pormenorizado do momento, que coincidiu cos bimilenarios de varias cidades, de maneira que se chegou a constituír un Patronato de Ciudades Augusteas, cuxo protocolo se asinou en Lugo, pero que despois quedou no esquecemento. Fixo alusión a que sendo presidente da comisión de Patrimonio Artístico da Femp, tivo en Mérida unha comida co alcalde daquela cidade e co arquitecto Moneo que fixera o Museo Nacional de Arte Romano naquela cidade, e díxolle que o museo arqueolóxico de Lugo debíase de facer no antigo cárcere, que era un edificio excepcional.
Xornalismo
O xornalista Sánchez Pombo, pola súa banda, dixo que a das escavacións arqueolóxicas foi a primeira gran polémica que viviu. O seu medio tomou postura, pero advertiu que todos estabamos aprendendo recentemente estreada a democracia. Creouse un ambiente de oposición total aos aparcadoiros. Destacou que a destrución dos descubrimentos da Praza da Constitución saltou á prensa nacional, como El País e o ABC. Terminou dicindo que aquilo foi un exercicio de xornalismo que hoxe sería imposible.
Os participantes chegaron á conclusión de que hoxe os aparcadoiros non se construirían, pero, grazas a eles, abriuse a vía para recuperar e conservar o patrimonio arqueolóxico. Queda, concluíron, resolver o pago pola Administración das escavacións e crear o Museo Arqueolóxico.