Luns, 10 Agosto 2015 00:00

Irene Vergara

Canto para Irene Vergara Vilariño, a moza linda de Santalla que se foi de súpeto. Deixamos aquí noticia da súa vida e da súa obra, a dor tamén, e sempre a loa a quen foi máis grande por humilde.

 

Non levou con ela aquilo que amabamos ou nos producía engado, acaso orgullo de noso.

Aqui deixou, para a historia dos humanos, todo canto quería, a palabra, a bágoa e o sorriso... os traballos feitos. É así como se constrúe o inmortal, e nese aspecto a nosa memoria cumpre papel destacado. Por iso queremos ser fieis ás horas que pasamos xuntos, cando o tempo entrou na nube azul que chamamos felicidade, tan efémera, pero tan  grata e transcendental.

Irene Vergara foi canto, é canto, como nós queremos compoñer agora, tan pequeno como un paxariño de cores que subido á punta máis alta do ramallo se pon a tecer a música sublime que a grande orquestra sinfónica non logra superar.

 

É tempo, para nós, de ocos enormes que a vida vai deixando ao redor. Como se unha grande lagoa de nenúfares multicolores se fora baleirando xa con certa présa. Miramos para un lado e xa non está aquel que nos cativou. Imos para o outro e tamén falta aquela que con nós bordou as horas longas dos anos ou as rápidas dun día. Que grande puzzle de rostros podiamos compoñer xa neste momento, cando a vida nos leva pola serenidade e a consciencia dunha obra que nunca remataremos, mais que queda aí para completala.

IreneHumilde, palabra talismán de hoxe que case non se aprecia nesta revolta colectiva do caos, da insatisfacción e da fuxida non se sabe a que meta xa desfigurada.  Flor fermosísima dunhas horas apenas que perfuma os mundos procurados.  E quizabes non nos decatemos de que as grandezas humanas se compoñen así, das infinitas cousas humildes que se constrúen cada día. Do mesmo xeito que unha catedral non sería tal sen as pedras pequenas que a van erguendo, talladas en formas únicas e belas onde se gardan todos os secretos.

Así foi Irene, unha pedra tallada con corazón polos canteiros e canteiras de Santalla, nesa arte popular e instintiva que modelou así a propia vida. Afeita desde moi nena a ver a beleza da terra louzarina arrolada pola pureza do río, mais tamén a sentir nos ollos a dor do irmán, Fiz, e na boca, nas mans de labreguiña que amaba tanto mundo vivo, tanta paisaxe de soidades e profundas devesas onde aínda podía cantar o ouriolo. Non sabía aínda que poucos anos despois lles tería que poñer son ás palabras escritas polo Fiz, porque el cantaba coa sensibilidade máis sentida do mundo, pero xa non podía pronuncialas ante o seu pobo. E ela, a Irene, sen deixar o sorriso, a luz morna dos seus ollos grandes, púxose a dicilas, nos recitais polas cidades e vilas de Galiza, nos debates e coloquios, nas conferencias. O Fiz Vergara, lémbroo con nitidez, ollaba para ela, facía un xesto forzado coas mans e no rostro, e os ollos enchíanselle de luces e nostalxias. Era o agradecemento para a irmá querida.

A moza de cabelos de sol como unha dona, a moza linda de Santalla... a Irene Vergara, axudando a compoñer claro os versos, lendo sempre, proc lamando as inquedanzas, preparando o cuarto do irmán eivado, ordenando os libros, mirándose ante o espello mentres recordaba... ela, meu anxo, é quen me saa a ferida... E a par, lucindo o idioma propio, batallando as inxustizas, creando a nación libre en cada curruncho, cos seus brazos, coa forza toda da dignidade... E pasaron os anos. Iamos en colectivo a Santalla a poñerlle flores ao Fiz Vergara, a percorrer os camiños cantados ou as esculturas a el  dedicadas en feliz iniciativa da asociación cultural Ergueitos. Ela sempre estaba alí para acompañarnos, coa familia, os pais,  o compañeiro, a irmá,as fillas e sobriñas... A última vez vai para os dous anos, con LugoPatrimonio. Xa estaba, como o irmán (destino cruel e vingativo), dorida, quebrada. Aínda así contemplou o recital. Tristes quedamos.

Hai uns días recibimos a noticia da súa morte como un machado vingativo tamén. Cantas cousas se van con ela, mais cantas deixa para o noso consolo. O 8 de agosto alí estaremos de novo, en Santalla, na casa grande, na Fontela do  Muíño, paseando o río Lóuzara. E sei, sabemos, que por alí andará ela  tamén, mirando, con ese sorriso de luz, acaso coa maletiña da nena que se vai, e co paraugas... Ouviremos, si, a súa voz: A ti vou xunguido, irmá pequeniña/ con ise forte xugo fraternal/ e véxome alleo de iste fero mal/ con sollo ouvir o teu nome, meniña. 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO