Xoves, 11 Marzo 2010 12:52

ADEGA E LUGOPATRIMONIO NON SE OPOÑEN Á MELLORA DA ESTRADA DE TORÉS, SI Á SÚA PLANIFICACIÓN CONTRARIA Á LEI

Reclaman que as medidas correctoras previstas na mellora da estrada polo Servizo de Cultura de Lugo se fagan públicas.

Animan a que se tomen medidas para conquerir a demolición da praza de formigón do lugar.

Ante a resposta mediática que tivo a denuncia de ADEGA e Lugopatrimonio con respecto ao proxecto de mellora da estrada de Torés, ambos colectivos vense obrigados a clarexar malas interpretacións que se fixeron dos seus comunicados. ADEGA e Lugopatrimonio reiteran que non se opoñen á mellora da estrada, senón a unha intervención agresiva tanto para a paisaxe como para a contorna dos bens patrimoniais inmediatos ao seu trazado. Estes bens non son só dos veciños da zona, senón que é un patrimonio e unha riqueza común que eles e as institucións deberían ser os primeiros interesados en defender e coidar.

Proba do que dicimos é que no escrito dirixido á Deputación de Lugo facíanse suxestións para a súa mellora substituíndo os terrapléns por muros de cantería, ampliando o ancho en máis dun metro por cada marxe sen modificar o trazado, de xeito que se obtivera o mesmo servizo ao par que se melloraría a integración da estrada no núcleo urbano.

Satisfainos que finalmente se teñan previstas medidas correctoras polo Servizo de Cultura de Lugo, pero cremos necesario que se fagan públicas para que todos e todas poidamos avaliar a súa relevancia e estar atentos ao seu estrito cumprimento.

Tamén consideramos positivo que os veciños se dean conta agora do espantallo que no seu día se fixo como praza do pobo, posiblemente con fondos públicos, sen o preceptivo informe de Cultura, e sen licenza municipal. Lugo Patrimonio é unha asociación que se constituíu en abril de 2006, moitos anos despois de terse feito a obra, e xa que logo non tivo oportunidade de denunciala. E ADEGA, daquela estaba comezando a artellar unha delegación na provincia de Lugo que tivera capacidade de actuación.

Nembargante, o feito de que no seu día o Concello das Nogais fose permisivo coa citada obra, vulnerando a legalidade, non pode ser escusa para que a Deputación deixe de cumprir escrupulosamente con todos os trámites que se requiren por lei para este tipo de obras.

No entanto animamos á Asociación de Veciños, ao Concello das Nogais e a Consellería de Cultura, a que tomen as medidas conducentes para demolela, recuperando o primitivo estado, e mellorando así a contorna da igrexa e do castelo.

Esperamos que este  debate entre as asociacións proteccionistas e os veciños  e veciñas de Torés, sirva para dar a coñecer o rico Patrimonio cultural e paisaxístico de Torés, que axude a conservalo e a evitar que desapareza. E alentamos ás institucións a que tomen as medidas pertinentes para, ao menos, consolidalo e que  o seu deficiente estado de conservación non sirva como escusa para permitir impactos ociosos.



Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO