A modificación da estrada “Armesto-Torés-As Nogais” proxectada pola Deputación de Lugo afecta á contorna de dúas zonas de Rede Natura e poderían acelerar o derrube da Torre do Castelo de Torés.
Os colectivos denunciantes instan á Xunta e á Deputación de Lugo a impedir as obras mentres non se avalíe o seu impacto ambiental e patrimonial.
Lugo, a 25 de xaneiro de 2010.-
ADEGA e Lugo Patrimonio presentan alegacións ante a Xunta e a Deputación de Lugo contra a modificación do trazado da estrada existente entre os núcleos de Armesto ata a vila das Nogais, atravesando o Val de Torés. Por unha banda, aseguran que a modificación do trazado é innecesaria polo baixo número de vehículos que circulan diariamente pola estrada actual e porque esta xa permite o paso de vehículos articulados de grande tonelaxe. Ademais hai que ter en conta a competencia en comodidade, seguridade, número de quilómetros e aforro de tempo que xa ofrecen outras estradas de alta capacidade que comunican as dúas vilas, como a Autovía A-6 ou a Nacional VI.
Por outra banda, estes colectivos denuncian que o proxecto prevé crear unha plataforma de entulleiras e terrapléns de máis de 2 quilómetros de longo por máis de 15 metros de ancho a través dunha paisaxe natural, cultural e xeomorfolóxica única en Galicia, que corresponde ao Val de Torés.
No tocante ás afeccións ambientais, as obras carecen de avaliación de impacto ambiental e do oportuno informe favorable da Consellaría de Medio Ambiente, por afectar á contorna de dous espazos de Rede Natura, o LIC Ancares-Courel e o LIC Agüeira-Cruzul, tal e como obrigan a Lei de Avaliación de Impacto e a a Lei do Patrimonio Natual e da Biodiversidade.
As obras proxectadas contemplan numerosas intervencións no terreo e desmontes que afectarán a espazos de grande valor ambiental e paisaxístico, sen que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas teña emitido ningún informe ao respecto ou feito avaliación dos posibles danos. Ademais, o Val de Torés representa unha excepcionalidade paisaxística e xeomorfolóxica en Galicia, ao estar constituído por sucesivas chairas redondas (dolinas), encadeadas que conforman o
poljé kárstico máis grande de Galicia. Nesta franxa calcaria atópanse apreciados xacementos arqueolóxicos como a Cova de Reteixeira, a Cova de Eirós ou a Cova da Moura.
En canto as afeccións ao patrimonio histórico-cultural, as obras poderían acelerar o derrube da Torre do Castelo de Torés, agora en risco de desmoroamento, a pesar de que está catalogada como Ben de Interese Cultural ou BIC, máxima protección patrimonial. Ademais parte das obras terían lugar dentro do perímetro de protección de ao menos outros tres bens inventariados, a Igrexa de Torés, o Castro de Torés, e a Casa do Pardo, esta última tamén catalogada como BIC. Nembargante, o proxecto tampou inclúe o informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o impacto no Patrimonio histórico, etnográfico ou na paisaxe cultural. Nin sequera contempla medidas correctoras que minimicen os impactos, nomeadamente sobre o Castelo de Torés.
ADEGA e LugoPatrimonio cren que a estrada actual podería ser mellorada sen necesidade de grandes obras nin modificacións do seu trazado. Cualifican de disparate abrir unha travesía de grande anchura polo medio do núcleo de Torés (de orixe medieval e antiga capital de Xurisdición), que vai alterar notablemente a disposición urbana do lugar, cando se podería anchear a estada en máis de un metro a cada marxe sen mudar o trazado nin o ancho da caixa da estrada existente.
Por último, os dous colectivos instan ás administracións competentes a elaborar un estudo xeolóxico-xeotécnico da zona de actuación, por atoparse na área de maior risco sísmico de Galicia (triangulo Becerreá-Sarria-Triacastela), pola inestabilidade propia dos terreos kársticos e pola existencia de numerosas fallas recoñecidas nos mapas xeolóxicos da zona.
ADEGA e LugoPatrimonio presentarán esta denuncia diante da Dirección Xeral de Patrimonio cultural, da Consellaría de Cultura; na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e perante á Presidencia da Deputación de Lugo.
Preme neste enlace para consultar o texto íntegro da denuncia.
Para máis información: 607225887 (Orlando, ADEGA).
Outras fotos: