Mostra a súa preocupación polo silencio que mantén a Xunta a respeito de varios proxectos iniciados nos dous últimos anos
Cunha participación importante de asociados e asociadas, a asemblea anual da nosa asociación, despois de dúas horas de traballo, aprobou diversos temas de interese para o futuro non só da propia asociación, senón da nosa cultura e patrimonio. Destacamos, entre eles, os seguintes:
- Agradecido recoñecemento ao traballo realizado pola directiva durante o ano 2009, destacando a xestión económica e a programación das actividades. Asimesmo, cun longo aplauso, agradeceuse o labor da secretaria, Tareixa Cabello, que por diversas razóns persoais deixa esta responsabilidade.
- Preocupación polo silencio que segue a manter a Delegada Territorial da Xunta a respeito de distintos proxectos relacionados coas Terras de Lemos e aprobados no Congreso sobre o Patrimonio Inmaterial, que se lle presentaron ao novo goberno autonómico pouco despois da toma de posesión. Moitos deses proxecto relacionados co futuro turístico, cultural e económico da comarca, que se comezaran a executar anteriormente, están neste momento paralizados. A Asemblea pídelle á Delegada Territorial que non adíe máis a data da entrevista solicitada con ela por parte das distintas asociacións de Lemos que traballan polo noso Patrimonio.
- Preocupación pola persecución que está a sufrir por parte da Xunta de Galicia, o maior patrimonio creado polo pobo galego: o seu idioma.
- Aprobación das actividades presentadas para desenvolver durante o ano 2010: viaxes e actos diversos relacionados cos mesmos, á Coruña, Vigo e Ferrol; Terras e xentes en Rosalía de Castro (viaxe de 2 días polas terras de Padrón); Terras do Bierzo seguindo a novela de Enrique Gil y Carrasco, “El señor de Bembibre”; Xornadas sobre a romanización, con viaxes e percorridos por Lugo, Bande, Valladolid e Palencia; O Courel de Novoneira para completar o coñecemento das terras nativas do poeta: Viaxe tamén seguindo os pasos da biografía de Inés de Castro con visitas a Coimbra, Alcobasa e outros lugares de Portugal; Ciclo do Ferro a desenvolver en diversos meses do ano (marzo, outubro e novembro), con visitas a Riotorto, Cervo, A Pontenova, Samos, Taramundi. Viaxe sorpresa a realizar en agosto.
- Interese cultural e social destacado pola primeira viaxe que a asociación programa para o estranxeiro afastado, Exipto, que se presentou detalladamente no seu desenvolvemento e do que se poden ver condicións e datas noutro apartado desta mesma páxina.
- Cursiño sobre Animación á Lectura co obxecto de perfeccionar o coñecemento oral e escrito do idioma galego.
- Agradecemento aos distintos organismos públicos que nos axudaron a desenvoler a nosa actividade durante os dous últimos anos: Consellaría de Medio Rural, Agader, Sociedade de Xestión do Xacobeo, Consellaría de Industria, Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial, Concellos de Monforte, Chantada, A Pobra do Brollón, Taboada e Quiroga.
- Condolencia pola morte de dous asociados moi queridos: Xesús Vilanova Vázquez e Cándido Rodríguez Caneiro.
Lugo, 12 decembro 2009