O asfaltado da lonxa do Parque
Criamos que eran cousas do pasado os atentados ao patrimonio e as barbaridades urbanísticas. Está claro que para o Parque de Rosalía e a súa contorna non corren bos tempos. Tamén criamos que cun alcalde filósofo e unha concelleira de Cultura e Turismo profesora de historia na Universidade, a sensibilidade faríase valer sobre o que ten os picos e as pas pero que carece do coñecemento suficiente para poder discernir entre o que ten mérito do que non o ten, do estético e do antiestético. Pero equivocámonos, porque o ser de letras parece que non garante unha predisposición á sensibilidade, nin ao cultivo do bo gusto, nin ao aprecio polas cousas ben feitas. Estes políticos son o exemplo da paletada, o mal gusto e o despropósito.
Primeiro permitiuse unha urbanización nun lugar que nos vai privar das fermosas vistas que se divisaban desde a pérgola. Precisamente don Ángel López Pérez, a quen se debe o parque, comprou no seu día unha leira para evitar que se construíse nela e entorpecese a que era unha das vistas máis bonitas de Galicia.
Despois demoleuse o pedestal da estatua da España, un exemplo Déco da arquitectura do cemento dos anos 20, no que foron ao vertedoiro catro escudos de cerámica de Manises e causáronse graves danos á escultura fundida en Sargadelos. Fíxose para pór no seu lugar un pastiche fóra de contexto e mal executado.
E agora acábase de cubrir con alcatrán unha lonxa cun pavimento artístico, realizada fai 45 anos con materiais nobres, lastras de granito e canto rodado, deseñada polo arquitecto Efrén García Fernández por encargo do Concello en 1961, e executada en 1964. E isto faise co pretexto de que é custoso mantela. Así que, xeneralizando o argumento, non debería de estrañarnos de que calquera día nos sorprendamos co mesmo tratamento na contorna da Catedral.