Desde ben antigo, Galiza foi producindo bens patrimoniais materiais e inmateriais que axudaron a conformar a nosa personalidade nacional. A través dos séculos, uns foron desaparecendo asimilados por outras culturas, outros mantivéronse e moitos deles sofren neste momento ameaza de desaparición definitiva. Convén decatarse tamén, de que a maior parte dos que, a duras penas subsisten, conformáronse na cultura primeira que tivo asentamento rural. É neste ambiente, pois, onde se verifica hoxe a súa existencia, de aí a definición de “Ben rural de interese cultural e etnográfico” que propoñemos.
Esta nova figura definiríase para os seguintes obxectivos:
- Recoñecer a importancia que ten o Ben declarado para a nosa nación, pois forma parte das singularidades que como tal nos definen.
- Protexer, potenciar e consolidar o Ben declarado de forma que se asegure a súa permanencia.
- Incidir en todo tipo de estudos que leven a un coñecemento máis profundo do Ben declarado
O primeiro punto acadaríase coa propia declaración oficial como “Ben rural de interese cultural e etnográfico”.
O segundo conlevaría as seguinte condicións xerais:
- A Administración (Consellaría de Cultura) participaría dalgún xeito no órgao popular de dirección do Ben Inmaterial, co obxectivo da súa potenciación e consolidación.
- As distintas administracións, prioritariamente as Consellarías de Medio Rural e Industria (D.X. de Turismo), intervirían tamén con orzamentos anuais que potenciarían as infraestruturas e economía da zona xeográfica onde existe o Ben declarado.
- O obxectivo, globalmente, non é somente distinguir de xeito teórico o Ben de que falemos, senón construír ao seu redor un programa económico que acabe desenvolvendo a zona, fixando poboación nese contorno e incidindo na toma de conciencia dos valores construídos ao longo da historia polo pobo galego. .
Son estes principios xenéricos que se detallarían polo miúdo para completar a figura de “Ben rural de interese cultural e etnográfico”. Desde LugoPatrimonio facemos proposta ás distintas consellarías para que se cree a devandita figura, animados polo traballo e necesidades que hai neste momento en celebracións como O Entroido de Salcedo (Pobra do Brollón), As Fachas de Castelo (Taboada), ou as Danzas da Cervela (O Incio), por poñer só uns exemplos (esta última a piques de desaparecer ou transformar a súa pureza secular)..
Lugo, decembro do 2007
O Presidente de LugoPatrimonio
Asdo: Lois Diéguez