Foto da conferencia de Adolfo de Abel
A trama urbana medieval da cidade de Lugo permaneceu sen grandes alteracións ata a segunda metade do século XIX. Hai un ensanche interior, dentro do recinto amurallado, que se inicia a partir da desamotización de 1835, coa exclaustración dos conventos.
O trazado urbano actual non ten nada que ver co romano, pero se ten a súa orixe no trazado medieval organizado en dous grandes núcleos: o Burgo Vello, arredor da igrexa de Santa María ou catedral, e o Burgo Novo, co Castelo, separados por un espazo agrícola de grandes dimensións coñecido como as Cortiñas de San Román, actual Praza Maior (Praza Real, de Isabel II, da Constitución, da República e de España), que foi o foro da cidade da época medieval e moderna, xa que nela celebrábase a feira e os mercados, administrábase xustiza e construíronse en 1571 as Casas de Consistorio.
É nestes dous núcleos onde se conservan algúns topónimos, aínda que a maioría perdéronse. Estes nomes indícannos a función que tiña cada rúa, cada espazo e cada barrio.
A partir do segundo terzo do século XIX, a desamortización e a chegada do ferrocarril, dá lugar á apertura de novas rúas, algunhas das cales cambiaron de nome en varias ocasións.
A derriba en 1841, sen autorización de Goberno, do das Agustinas Recoletas, vai permitir facer unha alameda e ensanchar as rúas polos lados Oeste e Sur.
Na cortiña chamada desde época medieval da Lagoa, do convento de Santa María A Nova, abrirase en 1836 a chamada calle Nueva, despois Joaquín Cayuela e máis tarde da Raíña (Isabel II), da Liberdade e de novo da Raíña. En 1872 decídese o ensanche do Carril das Campás, ao que se dá o nome de rúa do Progreso, con motivo da construción do ferrocarril e a inmediata chegada oficial de primeiro tren o 5 de outubro de 1875. Tamén se abre a rúa da Estación, coa súa porta na muralla, logo de Emilio Castelar, Generalísimo Franco e actualmente Teatro.
A da Raíña e a do Progreso, que tamén se chamou de Manuel Becerra e de José Antonio Primo de Rivera, uníronse con outra á que se lle deu o nome de Bilbao, conmemorando a entrada das tropas fieis a Isabel II na devandita cidade durante a primeira Guerra Carlista, actual Xoán Montes.
As cortiñas dos conventos de Santo Domingo e San Francisco van permitir utilizar o espazo entre os dous para construír a primeira praza de abastos en 1841 e abrir unha rúa que chamarán do Teatro, por ser alí onde se construíu. Foi en 1901 cando se fai o ensanche e a unión da Rúa do Sol (actual San Froilán) coa Praza de Santo Domingo, e a Rúa Nova con esta nova rúa e a Praza de Ferrol regularizando o carril da Ramella (actual Bolaño Rivadeneira) en 1904. Coa apertura en 1921 da porta do Bispo Odoario, posibilítase o enlace deste tramo a través da Rúa de Montevideo. A Praza de Santo Domingo tamén se regulariza coa derriba da capela do Rosario.
Adolfo de Abel Vilela, 2007