O patrimonio galego como un dos maiores expoñentes da
nosa identidade, abandonado á destrución ou desamparo. Sen el camiñaremos na
despersonalización e na ignorancia.
É difícil imaxinar,
subindo a dura encosta da montaña que despois de Doade e o río Sil nos leva a
Castro Caldelas, que á nosa dereita, no punto en que se sinala o topónimo
Abeleda, poida abrirse un val aínda extenso, verde e alegre, vizoso e
farturento como un soño sempre desexado. Despois de ver o Sil desde os Miradoiros
de Monforte ou Sober (Duque, Pena do Castelo ou Soutochao), coas abas precipitas
ateigadas de viñedos e os espellos sombreados do río, entrar na Abeleda, no
propio outeiro que centra o val e sobre o que se erguen a igrexa e o mosteiro
de San Paio, é como chegar a unha meta inesperada .
Alí, esa mestura de
paisaxe humana e monumental, énchenos decontado os ollos e pon a mover o
pensamento, a análise de como estas xoias que foron definindo o propio ser
cultural van agonizando no esquezo e mesmo no desprezo. Igrexa e mosteiro
comezan xa a ruína definitiva, sen volta. Igrexa de xanelas e arcos de medio
punto ou apuntados, policromados aínda, vencendo
heroicamente os ataques do tempo variado; sen teito xa, sen os altares
roubados, con esa lección do románico compostelán ou do gótico baril abríndose
á luz. A harmonía e sinxeleza do axadrezado nas impostas e arcos, as xanelas
puras, altas, os canzorros escondidos tirando á dozura do erotismo, con
fermosas flores ou fantásticos monstros que nos miran como espantados, as
pinturas milagrosamente conservadas... son en si a protesta muda deste tesouro
que berra contra o abandono e a atroz barbarie
dos insensíbeis.
Rodean a igrexa de
San Paio de Abeleda as ruínas dun mosteiro que foi luz e poder durante a Idade
Media, cando os galegos e galegas enchían o Val e as montañas de Castro Caldelas
e das ribeiras do Sil. Que sarcasmo, o medieval escuro, pero cheo de vida,
fronte a esta modernidade que mata e
bota a xente do seu medio en nome do avance social e desta estraña democracia.
Percorrer os camiños que arrodean os altos e potentes muros e mirar para esas
xoias de firmes e harmoniosa arquitectura, nesta Abeleda sosegada, é acougo e
paz, interrogante e, quizabes, premonición da necesaria rebeldía.
A rebeldía que
manteñen xentes e organizacións populares da contorna ou de máis aló, como a
Asociación cultural e de veciños "Cocas e Danzantes", da parroquia de
Santa Tegra que linda coa de San Paio,
sempre de Abeleda, ou a que batalla tamén polo noso Patrimonio, "O Sorriso
de Daniel", ou a tan movida, "LugoPatrimonio"...
constantes na defensa que as institucións oficiais abandonan covarde e
interesadamente. Que estraña actuación. O comercio tan rendíbel da explotación
da ignorancia como arma política. Porque non é só o patrimonio material o que
aquí se defende como base da nosa identidade, senón outro de grandísima
importancia para reforzala: o inmaterial, tan rico e diverso e máis maltratado aínda.
Sempre á beira dos
nosos monumentos aparecen reflexos do comportamento e creacións populares. En
Santa Tegra, curiosamente, celebran o primeiro domingo de agosto a "Festa
da Luz", e nela realizan a Danza das Cocas, curiosa expresión rítmica de
oito danzantes masculinos ante as Cocas, que son dous personaxes xigantes que
observan o fermoso xogo dos mozos. Levan eles cada seu arco de cores cos que
fan ensaiadas figuras no ar. Unha delicia que nos lembra as danzas da Cervela, no
Incio, a piques de desaparecer por falta de mozos na parroquia. Serían antano,
as Cocas, personaxes pagáns que hoxe comparten presenza principal coa Virxe da
Luz, introducida, supoño, coa cristianización dos ritos.
Estas festividades,
paisaxes e monumentos antigos en curiosos lugares que teñen ese imán co que
inmediatamente comunicamos, son parte importantísima da nosa diferenciación,
creada así, co viver de cada día, coas formas propias de realizar o traballo, a
comunicación e o lecer, a crenza ou o mito ao longo da historia. E hoxe podían
ser, axudadas e recuperadas, esa parte cultural e mesmo económica fundamental
para deter o descoñecemento, expulsión ou exilio da nosa xente, dos nosos mozos
e mozas.
Mais parece ser que
aos rexedores do momento non lles interesa. Contraditoriamente. aplauden a
campaña de facer da Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. Nesa ampla zona
temos outros monumentos máis a piques de esboroarse, como son a igrexa de San
Mamede de Vilasouto, no Incio, ou o vello Pazo de Diomondi, no Saviñao, tamén
medievais. Acaso pensan que se poden presentar ante a Unesco cunha rica e impresionante
zona tan descoidada? Ah, señor Feixó, vello encantador de serpes, que argumentos
poderá argallar entre a súa rápida resposta ao estrago do santuario da Barca e
o seu xélido silencio ante o que aquí expoñemos?