Xoves, 26 Mai 2011 09:12

Apuntamentos sobre as construcións populares galegas

 

Galicia posue un rico Patrimonio Cultural, cuxas creacións se espallan e agochan nos máis de 30.000 asentamentos poboacionais que humanizan o seu diverso e fermoso, anque maltratado en moitos aspectos, territorio. Nel salienta unha rica e variada cultura material que acolle no seu seo as construcións que conforman a denominada arquitectura popular, obra dos anónimos artesanos, e tamén dos propios usuarios, que puxeron en pé a coñecida nos ámbitos profisionais com a “arquitectua sen arquitectos”.

Ese patrimonio popular construído, pertencente á etapa preindustrial, materialízase nun ronsel de variadas e numerosas construcións, que nacen coa finalidade de resolver os problemas derivados dunha economía agraria tradicional e, en menor medida, pesqueira e artesanal.

A maioría desas construcións están acollidas no termo casa, concepto amplo baixo o que se acollen as edificacións necesarias para o desenvolvemento dunha economía de autoabastecemento, e máis as terras –é dicir, os bens inmnobles-, a facenda e os membros da unidade familiar que viven baixo o mesmo teito.

Esas numerosas e variadas realizacións construtivas teñen na casa-vivenda o seu edificio nuclear que, arquitectónicamente, se amosa con distintos modelos, que van das formas redondeadas das pallozas ás cadradas e rectangulares. Verbo das volumetrías, hai diferencias acusadas en función do medio físico no que se asentan, da economía na que se enxertan, e de aspectos socioculturais derivados do espazo xeográfico no que se localizan. Non é, xa que logo, a mesma casa-vivenda das serras ou do litoral que unha das chairas e depresións centrais, de viño dos ribeiros ourensán e lucense, da Galicia meridional ou das agras coruñesas. Non teñen o mesmo carácter, xa que factores tan condicionantes das construcións como o relevo, o clima, o solo, a economía e os recursos materiais do lugar de emprazamento, son os que dan orixe a modelos arquitectónicos diferentes. Por eso no territorio administrativo de Galicia podemos considerar, baixando das serras orientais ata a costa, as tipoloxías de casa-vivenda da palloza, da casa das serras, a da Terra Chá e depresións de Sarria e Monforte, das agras coruñesas, da Galicia meridional e da mariñeira.

Acompañan á casa-vivenda as chamadas construcións adxectivas ou auxiliares, que complementan as dependencias necesarias para o funcionamento e rendimento da explotación familiar nunha economía de subsistencia. Estas dependencias abranguen as de almacenamento (hórreos, alpendres, palleiras, adegas ou sequeiros), transformación (airas, muíños, fornos), cría e habitación de animais (cortes e cortellos, pombais, alvarizas ou curros), caza e pesca (foxos e pesqueiras), comercialización (recintos de feira), as específicas do litoral (secadoiros de peixe, estacadas, peiraos, asteleiros, almacens de salgazón), ou equipamentos (fontes, pozos, lavadoiros, capelas, palcos da música). A elas hai que engadir as construcións que artellan o territorio (camiños, pontes, valados ou socalcos), e as de produción artesanal (pequenas industrias oleiras, telleiras, ferrerías e mazos, batáns ou fábricas de curtidos).

Co emprego dos materiais existentes nos lugares onde se asentan as construcións, maioritariamente a pedra de granito e a de xisto, e a madeira de carballo e de castiñeiro, xunto con elementos de ferro fabricados no obradoiro do ferreiro, o traballo dos habelenciosos artesans canteiros e carpinteiros dá como resultado exemplares de verdadeira categoría arquitectónica. Por eso as características construtivas son comúns aos dous apartados mencionados, anque as que se dan no segundo teñan un acabado menos coidado nos seus elementos, agás no caso dos hórreos, principalmente nos lugares onde impera a pedra de granito.

No que atinxe á disposición da casa-vivenda, esta aparece na maioría dos casos en núcleos agrupados e noutros cun grao de dispersión maior ou menor. Sobre a disposición dos espazos adxectivos en relación con ela, danse solucións diferentes: Se ben na etapa primitiva abondaban as dependencias que con criterio de verticalidade se acollen baixo o seu teito (cortes, adegas, forno, palleiras), cando a economía é máis desenvolvida, feito que se produce a partir do século XVII por mor da chegada de América do millo e máis da pataca, adóitase a solución de engadir espazos individualizados ao edificio da casa-vivenda, ou illados dela aínda que próximos. Nos dous casos hai outras dependencias que, pola súa función, están sempre máis ou menos afastadas dela, caso do hórreo, do muíño, do pombal, da alvariza, do curro ou do sequeiro. E o mesmo ocorre coas construcións que artellan o territorio ou as das pequenas factorías artesanais.

A riqueza etnográfica que levan cabo de sí todas estas construcións que se veñen de apuntar, faise evidente polos elementos diversos que interveñen nelas, anque a súa descoberta produciuse tardiamente, o mesmo que noutros lugares do mundo. Se ben esta modesta arquitectura foi descoñecida e infravalorada polos tratadistas da arquitectura, da enxeñería e das artes, e mesmo desdeñada polos profisionais que teñen relación directa co feito arquitectónico - en boa medida debido á identificación dela con rusticidade e atraso-, grazas a etnógrafos, arqueólogos e afeccionados eruditos, aquí en Galicia foron os investigadores do inesquencible Seminario de Estudos Galegos quen a rescataron do esquecemento. Un deses pioneiros foi o arqueólogo e etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, que nos deixou un legado de gran valor no seu tratado “Etnografía. Cultura material”, publicado en 1962.

Desde entón foi tomado como referente dos continuadores nos traballos desa fasquía e, grazas ao labor dunha serie de estudosos e investigadores que proseguiron o seu traballo, hoxe disponse dunha ampla bibliografía e dunha medra da conciencia na sociedade civil dos valores que encerra. Todo elo debería axudar a que esta vizosa ponla da árbore da nosa cultura popular, hoxe moi degradada, poida ser recuperada como feito criativo e como parte da nosa identidade como pobo. Así debería ser xa que este valioso patrimonio é de todos e a todos nos concerne.

Manuel Caamaño Suárez

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO