Luns, 01 Novembro 2010 06:29

OURENSE NOS MAGOSTOS

Cada festa ten seu día e punto de encontro. Ancestral xeito de afianzar á sociedade, á mesma memoria histórica, esa parte do Nós, plural e maxestático que vencella pasado, presente e porvir. Suma de tradicións, de innovacións , de elementos relixiosos, comerciais...que disfrazan seus principios. Mais velaí unha Historia por enxergar. Galiza, como ningún outro país, ofrece o recurso dun amplísimo repertorio de feiras e festas ao longo de todo o ano. As máis antigas en relación co ciclo agrario, coa idea de vida-morte-anovación. O campo de celebración serán espazos abertos, nos que dalgún xeito simbólico sempre estarán presentes os Catro Elementos, que se entendían principio-fin da vida: Lume, Terra, Auga e Aire. Paisaxe e paisanaxe. Velaí o tempo de Nadal, coa noite de San Silvestre, os Maios, o San Xoán, os Magostos... Festas animistas, panteístas, polas que o ser humano se mestura coa inmensidade dos cosmos. Encontros cistianizados con algún tema en relación coa vida de Cristo ou dos Santos. Tamén o comercio e as "contaminatios" arrodean e aprovéitanse do recurso cultural, turístico, económico da festa, revitalizándoas ou empobrecéndoas.


O tempo dos Magostos ou do San Martiño está dedicado a un santo cabaleiro do século IV, cristianizador e xeneroso, San Martiño de Tours, como un ansiado Breogán ou Arturo redentor...sempre coa nostalxia dun Paraíso Perdido. Súas reliquias foron traídas no século VI a estes confíns, considerados de "magos" e meigas, por seu tocaio e paisano San Martiño de Dume, procedente da Panonia (Hungría) para cristianizar os cultos paganos, de tradición celta e romana da Galiza. Venéranse na Catedral de Ourense, onde a celebración dos Magostos é singular. Aquí tivo un primeiro templo, que os cronistas altomedievais dicían asociado a unha parra. Non é para menos nese Ourense que abre ós ribeiros, que é dicir ó viño, ó pan que é cultura dos pobos sabios.


Festa da castaña, da semente do castiñeiro que alberga a rusticidade autodefensiva dun ourizo, da cabaza, que garda infinidade de pebidas, das roxas mazás de outono... formas esféricas, de ovo, de renacer, que o consumo comercializará doutros xeitos para ornamentar a Árbore de Nadal. Festa que é catarse para iniciar ós novos e curtir ós vellos, para esconxurar os medos que saen nos camiños da vida. Festa do viño novo, produto do traballo que remata nun brindis solidario...Vello tempo das matanzas, de prepararse en feira e festa para a invernía. Tempo do lume das fogueiras, que lle dan nome (magnus ustus=gran lumeirada) ao rededor das que se baila e se asan as castañas. Tempo no que a parroquia dos vivos, fai particular memoria dos devanceiros, a parroquia dos defuntos. Festa, que no noso proceso globalizador - onde uns deseñan e pensan por e para outros - regresa irlandesizada como "Samaín" e americanizada como "Halloween". E sempre a querer ser os demais, menos Nós.


Deixaremos prender polo couto máxico de Ourense, por ese perímetro no que están os Ribeiros do Miño, do Avía, do Barbantiño, do Arnoia ou o Arenteiro…e sempre no camiño “o Carballiño, pra carne, pan polbo e viño” e súa historia asociada ós frades do cister do Mosteiro de Oseira e da Encomenda dos Cabaleiros de Xerusalén de Beade…. Todo iso que no outono se fai retablo de ouro pra unha historia en devalar que queremos enxergar.


Felipe-Senén

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Santiago de Compostela +

    Día 30 de setembro, sábado Saída ás 9,00 h. Viaxe a Santiago de Compostela, visitas ao Museo Pedagóxico de Galicia Ler Máis
  • Táboa Redonda “O Seminario de Estudos Galegos en Lugo”. +

    Día 3 de outubro, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Táboa Redonda “O Seminario de Estudos Ler Máis
  • Conferencia de José Alberto Moráis Morán sobre "A beleza do cotián: arte e suntuosidade nas vilas romanas de Palencia". +

    Día 13 de outubro, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de José Alberto Moráis Morán, Ler Máis
  • Viaxe para ver a Vila romana de La Olmeda e o Museo de Saldaña, Astudillo e San Hipólito el Real +

    Día 28 e 29 de outubro, sábado e domingo Viaxe para ver a Vila romana de La Olmeda e o Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO