As asociacións Lugo Patrimonio, Cultura do País e Mariña Patrimonio a vista da información facilitada polo Ministerio de Fomento, deducen que lonxe de tomar as medidas necesarias para a protección e conservación do importantísimo conxunto arqueolóxico do castro Valente, que a súa intención é a destrucción da necrópole de finais da Idade do Bronce.
Esta dedución ben avalada polo feito de que antes de rematar a prospección arqueolóxica e de elaborar os preceptivos informes necesarios para avaliar a importancia do descuberto, ten tomada a decisión, non para respectalo e conservalo, senón para destruílo coa complicidade da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que neste caso actúa cun silencio incomprensible nunha Administración que por lei ten a obriga de amparar a conservación dun patrimonio milenario e común.
Tendo en conta que entre os obxectivos fundamentais das nosas asociacións está a defensa do Patrimonio, facemos un chamamentos as institucións galegas da cultura, á fiscalía de patrimonio e aos cidadáns que comparten o mesmo interese, que apoien as accións que fagan posible a conservación deste complexo arqueolóxico único, e que en calquera país civilizado e cun mínimo de sensibilidade, protexería, conservaría e daría a coñecer.
Por último lamentamos que unhas administracións públicas que deberían ser exquisitas no cumprimento da lexislación en materia de conservación do Patrimonio, se mostren insensibles diante de casos tan escandalosos como o do castro Valente.
En nome das Asociaciñons que asinan o escrito:
Lois Diéguez, presidente de LugoPatrimonio
Lugo, a 8 de xuño do 2013