Esta tarde celebrouse en Lugo a reunión que as asociacións culturais da zona de Lemos que veñen traballando intensamente polo noso patrimonio inmaterial, tiñan solicitado coa Delegada Territorial da Xunta, Dª Raquel Arias. Representantes de LugoPatrimonio, AA.VV. de Salcedo (A Pobra de Brollón), Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Chantada), Amigos Patrimonio Lemos, Asociación C. As Fachas (Castelo), Asociación Xuvenil e C. Os Turulecas (A Cervela-O Incio), Asociación C. Souto do Val (A Ermida-Quiroga), Asociación de veciños San Martiño de Vilelos (O Saviñao) mantiveron no transcurso dunha hora un coloquio coa Delegada Territorial para darlle a coñecer os proxectos nos que levan traballando varios anos e que foron o tema principal da 1ª parte do Congreso celebrado no mes de febreiro (acceso ás resolucións do Congreso). Querían as asociacións saber da disposición da Sª Delegada ao respecto. Ela interesouse polos diversos temas plantexados e pediu un tempo prudencial para estudalos, dada a súa importancia, así como para valoralos cos distintos departamentos das Consellarías que teñen que intervir para a súa resolución.
Así mesmo, presentáronselle os Proxectos que co cambio de goberno ficaron interrompidos na súa resolución no Agader, e que se refiren a: “Proxecto para a dinamización e consolidación do patrimonio inmaterial das Terras de Lemos: a súa incidencia cultural, social e económica no mundo do agro” e “Parada dos Montes (A Pobra do Brollón): un centro de interpretación en vivo dentro do Proxecto de consolidación e potenciación do patrimonio inmaterial das Terras de Lemos”.
Queda, polo tanto, agardar ás resolucións que tome a Delegada. As Asociacións esperan que as decisións pertinentes non se demoren no tempo e que o traballo realizado e o proxectado para un futuro inmediato sexa asumido tamén por quen teñen a responsabilidade de remediar con urxencia a agonía na que se mantén o noso agro. Os proxectos presentados van precisamente neste sentido.
Por último, as Asociacións convidaron á Delegada e representantes dos organismo que patrocinan o Congreso sobre o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos, (xornadas de Outono), a participar na súa inauguración e debates.
Lugo, 25 de xuño do 2009