6 de xuño: celebramos o viño coa Adega Terras Gauda, e a poesía cos poetas Ramón Cabanillas (“Diante dunha cunca de viño Espadeiro”) e Mª do Carme Kruckenberg (“A Santiago Ruiz”), e a gastronomía no restaurante Juan de O Rosal. A paisaxe, por estas terras fartas dos ríos Miño na súa foz, e o Tamuxe ou o Furnia a correr cara a súa entrega amorosa ao pai de todos eles que é o noso río maior, o Miño. Os monumentos atopámolos en Tui, tamén nós a correr polo tempo escaso e a choiva encarraxada, e despois na Guarda. Os nosos ollos ficaron convencidos co azul da altura, pegados xa nas penas que levan ao ceo: citania, cova e ermida de santa Trega, Museo pequeno e perfecto como as grandes obras, camiños de pedra, petroglifos... Que máis podiamos pedir neste día de comunicación e palabra? O agasallo do canto e a danza populares dos mozos e mozas portugueses, comunión de sentimento, unha sorpresa grata. De volta para Lugo, as comadres e compadres protestábanlle ao goberno galego desde os paus da luz. Aquí tedes a mostra do que contamos: