LugoPatrimonio e outras asociacións das terras de Lemos coloquian ante os medios de comunicación con delegados de varias consellarías da Xunta
Tratábase, nesta rolda de prensa convocada polas asociacións que traballamos pola consolidación do patrimonio inmaterial das Terras de Lemos, e á que foron convidados os delegados e delegada das consellariás de Cultura e Deportes, Innovación e Industria, Medio Rural, Vivenda e solo, Igualdade e a Vicepresidencia da Deputación provincial, de facer unha valoración ante os medios de comunicación do realizado por cada unha delas sobre o proxecto presentado hai oito meses para a consolidación dos ritos festivos obxecto do noso traballo (para ver este Proxecto pica aquí). Estas foron as respostas:
Consellaría de Cultura e Deportes.
● Axudas para as actividades deste ano ás Asociacións As Fachas de Castelo (Taboada), Asociación de Viciños de Vilelos (O Saviñao), por valor de 2.500 €
● Proxecto para a reconstrución da capela de San Roque (A Cervela) por valor de 72.730, a executar no ano 2009.
● Proxecto para a restauración das pinturas da igrexa románica de San Cristovo da Cervela, a realizar proximamente, por valor de 24.255 €.
● Proxecto a realizar en 2009 para a restauración do cabido, nave, angarela e adro da igrexa.
● Estase realizando o estudo para unha nova Lei do Patrimonio Histórico de Galiza na que se concrete dun xeito completo a protección dos bens inmateriais, seguindo aspectos que LugoPatrimonio presentou no seu momento.
Consellaría de Medio Rural
● Proxecto para a reconstrución da Escola de Castelo (Taboada), e a súa transformación en local social e Centro de Interpretación das Fachas, por valor de 120.000 €.
● Saneamento do núcleo de Salcedo (A Pobra do Brollón) por valor de 700.000 €, con intervención de outras institucións.
● Recuperación da Fonte de San Roque (A Cervela) e arranxo da fermosísima corredoira que lle dá acceso, por valor de 12.000 €, obra a realizar a partir de xaneiro do 2009.
Concello de Chantada.
● Proxecto dun Centro Social e Centro de Interpretación do Entroido Ribeirao, xa realizado, e que se prevé o comezo da súa construción no 2009 e no lugar onde hoxe está a vella escola de Santiago de Arriba.
Consellaría de Innovación e Industria
● Declaración das Fachas de Castelo como Festa de Interese Turístico.
● 5.000 folletos en 3 idiomas sobre a igrexa de Temes (Carballedo), presentación dos mesmos e actividades, por valor de 2.795 €.
● Axudas para as actividades do 2008 ao Entroido Ribeirao, Fachas de Castelo, Festival de Salcedo e Agucios de Vilelos por valor de 21.330 €.
● Para o 2009 seguirase co proceso de declarar Festas de Interese Turístico as Pampórnigas e Meco da Ermida (Quiroga), Danzas da Cervela (O Incio), Agucios de Vilelos, Entroidos de Salcedo e Ribeirao.
Deputación Provincial
● Promoción das actividades dos Entroidos Ribeirao e de Salcedo, e as Fachas de Castelo, para o 2008, por valor de 9.000 €.
● Convenios para o 2009 coas asociacións anteriores e mais as dos Agucios de Vilelos, danzas da Cervela e da Ermida, por valor de 30.000 € para a dignificación destes ritos festivos.
● Dúas bolsas para o estudo e investigación destes ritos festivos, por valor de 25.000 €, cuxas adxudicatarias xa están a traballar neste momento. Unha vez rematado o estudo será publicado por este organismo.
● Para o 2009 introduciranse nos centros de ensino Unidades Didácticas que leven ao coñecemento e aprendizaxe deste ritos festivos co obxecto de asegurar o seu futuro.
● Estase a introducir tamén unha simboloxía dos ritos e festas para a súa utilización e espallamento por parte da Hostelaría.
Igualdade e Benestar Social
● Comeza nestas datas un programa de conferencias e talleres relacionados co material e vestiario utilizado no Entroido Ribeirao, para poñer en relación a mozos e vellos, mozas e vellas e principiar así a idea de potenciar un futuro centro da artesanía. As actividades realízanse na Casa da Xuventude de Chantada.
Consellaría de Vivenda e solo
● Explicación das axudas que ofrece a consellaría para rehabilitar vivendas no medio rural cun tope de 24.000 € para este concepto e de 30.000 para renovacións en obras maiores.
● En colaboración co concello da Pobra do Brollón, proxecto para o acondicionamento da praciña do edificio multiusos por valor de 90.000 €.
● En colaboración co concello de Chantada, acondicionamento da praciña de Santiago de Arriba que rodea a escola (pendente por parte do concello).
● Están pendentes tamén respostas dos concellos correspondentes a distintas praciñas relacionadas cos ritos festivos en Nogueira, A Cervela e Diomondi.
● Esta Consellaría intenta que durante o ano 2009 se leven a cabo estas obras nas que poñerá o 80 % do orzamento, correspondéndolle aos concello o 20% restante. Tamén que estean rematadas antes de decembro do 2009.
A rolda de prensa foi interesante, pois ofreceu unha idea real de como se pode traballar en tempo rápido se se cre no futuro da nosa cultura e das xentes do medio rural. Desde LugoPatrimonio e en nome tamén das demais asociacións coas que traballamos, dámoslle as grazas a estas institucións. Anima esta dinámica para seguirmos a traballar con forza por facer realidade nun prazo de tempo de 8 anos, o Proxecto presentado publicamente en abril do 2008.