Foron moitos anos de fidelidade á cultura que nos distingue e diferencia esta secular conmemoración das Fachas de Castelo (Taboada), que como un facho de orgullo cobre de luces cada ano a coroa do castro de Castelo. Traballo de xeracións que nos foron trasladando as raíces dunha forma de ver a nación e o mundo. A declaración de FESTA DE INTERESE TURÍSTICO para as Fachas de Castelo, obríganos, en xustiza e con agrado a agradecerlle á Consellería de Industria e Innovación-Dirección Xeral de Turismo, o seu apoio e acordo, extensivo, loxicamente, á Xunta de Galiza; e a felicitación á Asociación AS FACHAS, pois ela é a protagonista induscutíbel.
LugoPatrimonio ve así realizado o esforzo que, xunto coas outras asociacións do Patrimonio Inmaterial da nosa provincia, puxemos para esta declaración, unha pedra no camiño que servirá, non o dubidamos, para que as outras (Danzas da Cervela, Entroido Ribeirao, Entroido de Salcedo co seu Oso máxico, Fachos de Vilelos e Meco e Pampórnigas da Ermida (Quiroga)), sexan tamén atendidas en idénticos termos. E lembrámoslle tamén á Consellaría de Cultura que sobre a súa mesa segue agardando a declaración como Ben de Interese Cultural.
Lugo, a 30 de outubro do 2008
O Presidente de LugoPatrimonio
Asdo.: Lois Diéguez