Coa viaxe “Paseos pola Terra Cha” rematou o ciclo sobre “Arte e simboloxía na cultura popular galega”, que tivo como conferenciantes a X.M. Vázquez Varela, Orlando Viveiro Veiga e Hixinio Flores Rivas. O ciclo contou tamén coa exposición “Debuxos e gravados nas construcións populares”, da autoría de Hixinio Flores Rivas. Unha mostra gráfica das devanditas actividades está presente na sección “Caderno de viaxes” desta páxina web.
Tras descubrir que en moitas construcións populares se agachan manifestacións artísticas propias das sociedades agrícolas e gandeiras e, vendo que esta arte popular anónima está a piques de se perder para sempre, desde hai anos, parte do tempo libre dedícoo a fotografar eses testemuños que nos dan unha idea da intensa actividade cultural que se desenvolveu arredor dalgunhas construcións populares e da creatividade innata do ser humano.
Nesta exposición podémonos encontrar cunha grande variedade de tipoloxías de motivos entre os que destacan:
- Aqueles gravados que polo seu deseño se poden rastrexar ata o período Neolítico, Idade de Ferro ou de Bronce. Non obstante, a antigüidade dos mesmos en moi poucos casos pode superar os douscentos anos.
- Os motivos circulares (esvásticas, hexapétalas, etc) e as cruces en todas as súas variedades son motivos que se encontran moi a miúdo nas xambas e nas portas, motivado principalmente pola súa función protectora que se lles supoñía. Sen embargo, o gravado que máis se repite e co que nos podemos encontrar en calquera construción popular (casas, muíños, cabanas, sequeiros, alvarizas, etc.) é o do arado. A abundancia do arado, con todas as súas variedades, algún ata co seu correspondente xugo no extremo do temón, demostra a grande importancia que este aveño agrícola tivo na cultura popular.
- Outros motivos como poden ser os zoomorfos, antropomorfos, eróticos e eses que teñen unha difícil interpretación tamén aparecen distribuídos regularmente nos muíños e nas cabanas.
Nesta exposición están representados unha pequena mostra dos debuxos e gravados cos que nos podemos atopar, distribuídos por toda a xeografía galega. Con ela preténdese dar a coñecer unha arte popular pouco estudiada e descoñecida por moita xente coa finalidade de promover a súa catalogación e fomentar a súa conservación.
Luís Hixinio Flores.- Lugo, abril de 2007