Isto constatouse na xuntanza celebrada hoxe na Deputación na que participaron membros de LugoPatrimonio, veciños, bispado, Xunta de Galiza e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro
Lugo, 23 de xullo de 2012. Esta mañá xuntáronse na Deputación de Lugo, seguindo as directrices adoptadas nunha primeira reunión celebrada meses atrás e que fora convocada por LugoPatrimonio, veciños e veciñas de Vilasouto, no Incio, e representantes do Concello do Incio, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, así como representantes da Xunta de Galiza e do Bispado, co fin de estabelecer as liñas a seguir a prol do obxectivo común de recuperar a igrexa de Vilasouto, no Incio, que se atopa en mal estado e corre risco de derrubamento xa que ten partes estruturais afectadas.
Nesta xuntanza estudouse o proxecto definitivo para deter o proceso de deterioro tralo que quedou claro que o arranxo da igrexa tería que facerse antes do inverno pois se non é así pode haber perigo de derrubamento da igrexa.
Por consenso, na xuntanza tomáronse unha serie de decisións, comezando por estabelecer xa unha nova xuntanza no mes de setembro na que estean presentes as institucións e colectivos participantes para estudar e debater cal vai ser a súa aportación á hora de sufragar os custes do proxecto de rehabilitación así como definir os usos plantexados unha vez se acometa a recuperación.
Todos os presentes están interesados en evitar a destrución definitiva da igrexa de Vilasouto e en que o posíbel uso da igrexa serva tamén para unha revalorización económica da zona.
LugoPatrimonio apoia á Asociación para la conservación del patrimonio de Guadix (Granada) no documento que van entregar ao concello de Guadix solicitando a escavación, restauración e posta en valor do teatro romano.
O teatro romano de Guadix apareceu, de forma fortuíta, no proceso de construción dun aparcadoiro subterráneo en abril de 2008. A través dunhas catas, púidose escavar unha mínima parte, quedando todo paralizado até a data de hoxe. O pouco visible está ao aire libre e sufriu unha gran deterioración, polas inclemencias meteorolóxicas, estancamento de auga, vexetación, etc..