Visitas ao Mueso e Castro de Viladonga e a Sal Porta Miñá
22 de marzo
Nun día de auga fixemos pola mañá a viaxe ao Museo e Castro de Viladonga dentro do ciclo dedicado ao mundo romano. Despois de ver un vídeo explicativo o presidente da Asociación Adolfo de Abel Vilela fixo uns comentarios relacionados coa historia evolución do xacemento e das instalacións. O interese polo castro comeza en 1911 ao aparecer un torques de ouro, comezando as escavacións na década dos anos 70 baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, contando coa presenza do arqueólogo Felipe Senén López, descubríndose un gran número de estruturas pertencentes a casas e abundante material de entre os séculos II a V d.C., pertencente á cultura galaico-romana. Desde o ano 1982 os traballos arqueolóxicos fixéronse baixo a dirección de Felipe Arias Vilas.
Viaxe a Astorga
26 de abril
Dentro do ciclo romano viaxamos a Astorga onde desde os anos 80 acométense escavacións arqueolóxicas sistemáticas, ao igual que se fixo en Lugo, e desde esa data concluíron case douscentos de intervencións en solares urbanos.
Fixemos unha visita guiada a catro xacementos arqueolóxicos recuperados en varias escavacións, dous deles aparecidos ao facer uns edificios para vivendas, por riba da muralla. Un é unha parte do recinto defensivo do primitivo campamento, do que se conservan dúas liñas de fosos paralelos feitos pola Legio X Gemina onde despois se fundou a cidade de Asturica Augusta, por riba destes achados había unha domus que se eliminou por considerar de maior interese os que había debaixo.
Cara ao primeiro terzo do século I d.C. o foso interior xa esta inutilizado e iníciase sobre el a construción dunha muralla de pedra. Este muro completábase con torres semicirculares, unha das cales aparece cimentada no foso. Na segunda metade do século I d.C., esta primeira fortificación foi abandonada e a cidade estendeu a súa superficie pechada por outra muralla da que se conserva unha parte.
Conferencia de Julio García Camiñas sobre o “Dereito Romano, patrimonio inmaterial herdado”
9 de abril
O que foi catedrático de Dereito Romano na Universidade de A Coruña comezou dicindo que varios maxistrados e catedráticos da materia estiveron en Lugo, mencionando a Ángel Latorre Segura, maxistrado e catedrático nas universidades de Barcelona e Alcalá e Emilio Francisco Javier Valiño del Río, catedrático en Valencia, entre outros.
Fixo un inventario da herdanza que nos deixou Roma como patrimonio xurídico inmaterial conservado no Digesto (século VI d.C.) grazas ao espírito clasicista do emperador Xustiniano, que encargou á Comisión compiladora, presidida por Triboniano, que conservase o autor e a obra de orixe e procedencia de cada un dos fragmentos seleccionados e conservados nos 50 libros, títulos, fragmentos e parágrafos desa parte do Corpus Iuris, que é o Digesto. Roma é a patria do Dereito, non das leis, pois primeiro foi “o caso” e o xuíz árbitro e non a lei.
Referiuse á vida política, xurídica, procesual de Roma, SPQR (Senatus Populusque Romanus), senado e pobo de Roma e do que fixo desde a fundación no 753 a.C. na Monarquía, na República e no Principado co emperador como princeps, o primeiro dos cidadáns. Para comprender a creación e evolución do Dereito en Roma, distinguimos unha Época Arcaica ou de formación do Dereito, unha Época Clásica, de esplendor, clásica por ser digna de ser imitada, e unha Época Postclásica (230 d.C. en adiante) de decadencia e dereito vulgar, é dicir, sen xuristas.
Día 13 de maio, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Helena López Gómez, doutora, persoal científico do Cispac (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Culturais), sobre “As mulleres en Roma vida e vicisitudes”.
Do 5 luns ao 10 sábado
Viaxe a Zaragoza e Tarragona. Saída ás 8 horas.