Imprimir ésta páxina
Venres, 09 Xaneiro 2026 13:08

Viaxe a Santiago e A Coruña

7 de xaneiro

Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”

O motivo da viaxe foi ver as exposicións dedicadas ao escultor “Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”, no Museo Centro Gaiás en Santiago, pola mañá, e a do pintor “Fernando Álvarez de Sotomayor, 1875 – 1960”, na Fundación Barrié de na Coruña, pola tarde.

A casualidade de que coincidisen temporalmente estas exposicións dedicadas ao escultor e ao pintor “da raza”, con moi diversa e abundante obra, deu lugar a que se organizase esta viaxe á que foron 45 socios, tendo que facer dous grupos para as visitas guiadas.

A exposición dedicada a Asorey, considerado como un dos renovadores da escultura, xustifícase por terlle dedicado o Día das Artes 2024 a Real Academia de Belas Artes, e a de Sotomayor por conmemorarse no ano 2025 o 150 aniversario do seu nacemento.

Asorey é un artista que reside en Santiago e Sotomayor en Madrid, dando lugar, dentro da mesma temática da corrente rexionalista ou costumista, a unha concepción distinta do pobo, o primeiro presenta á muller galega como realmente é, e o segundo, que reside en Madrid como retratista, dá unha visión moi fermosa pero idealizada.

Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”

No Gaiás a visita comezou facendo os guías unha síntese da súa biografía, especialmente o período de formación nos Colexios dos Salesianos de Sarriá (Barcelona) e Baracaldo (Viscaia), onde vai exercer como profesor de debuxo. Abunda a escultura relixiosa, fundamentalmente en madeira, algunha da etapa inicial segundo os canons clásicos, especialmente no referente á policromía mediante a técnica do estucado, que despois vai cambiar, dando o color directamente sobre a madeira, sen base, introducindo pequenos cravos, para facer debuxos, mesmo labrados, para conseguir diferentes texturas, unha das características máis persoais da súa obra.

Desde os modelos para monumentos baleirados en xeso, ferramentas, pezas fundidas en bronce, retratos de persoas nos que combina diferentes materiais, máscaras mortuorias de galegos célebres, e, ademais das esculturas relixiosas, aquelas que representan á muller galega, como a “Ofrenda a San Ramón”, “O tesouro” e “Fillina”. Fotografías feitas por Kasado, algunhas no estudio de Santa Clara, e vídeos, dan conta doutras importantes obras e especialmente dos monumentos.

Fernando Álvarez de Sotomayor, 1875 – 1960”

Despois de xantar o grupo trasladouse a A Coruña para visitar na Fundación Barrié, a exposición dedicada a Sotomaior. O guía centrouse nas características da súa pintura, desde a etapa de formación en España, Roma e Bélxica, onde vai descubrir en Brujas o elemento costumista dos pintores flamencos e holandeses do século XVIII, sendo a súa primeira obra desta temática “Baile nun staminet”, ao que despois seguirá “Paisanos galegos, Felipe e Antón” e que continuará representando o mundo rural e mariñeiro de Galicia, idealizado, obra persoal executada durante os veráns que pasa no pazo familiar de Sergude.

Como subdirector e director do Museo do Prado, tivo a oportunidade de ver as obras dos grandes pintores do barroco, nos que se inspira, e sobre todo, a técnica, composicións en diagonal, claroscuros, pincelada solta influencia de Velázquez, Van Dyck e os retratistas británicos.

A parte dedicada á obra costumista, conta con obras célebres, como a “Boda en Bergantiños”, e os esbozos, “Procesión en Malpica” e “Procesión en Sergude”, así como varios dedicados ás pescantinas.

Os retratos familiares, “Avoa e netos”, e os de persoas da burguesía, da aristocracia e da realeza, como o duque de Alba, a duquesa de Santoña, a raiña Victoria e Afonso XIII, mesmo o de Pedro Barrié de la Maza, son exemplos da súa calidade neste xénero.

Ao terse que facer dous grupos, algúns dos viaxeiros aproveitaron para ver no Gaiás a exposición dedicada a Castelao, e no Muelle de Batería da Coruña, a exposición de fotografía “Wonderland”, de Annie Leibovitz da Fundación Marta Ortega Pérez.