Imprimir ésta páxina
Domingo, 15 Xuño 2025 14:18

VIAXE A ZARAGOZA E TARRAGONA

Do 5 ao 10 de maio de 2025

Dentro do ciclo dedicado ao Mundo Romano con motivo dos 50 anos de celebración do Bimilenario de Lugo, fixemos a viaxe para ver, no que respecta a arqueoloxía romana, Zaragoza capital e Tarragona na cidade e algún xacemento da provincia.

Dada a distancia organizamos o desprazamento facendo paradas en lugares que nos permitisen ver algún monumento interesante doutros períodos históricos, antes de xantar.

Sasamón (Burgos),

Foi o primeiro lugar de parada. situado no paso dunha calzada romana próxima ao Camiño de Santiago, onde visitamos a grande igrexa de Santa María a Real, guiados por dous veciños que voluntariamente a ensinan e explican, un exemplo de implicación y valoración do patrimonio local.

A antiga Segisamone, foi cuartel das tropas de Augusto nas Guerras Cántabras, sé episcopal e polo tanto a igrexa (séculos XIII – XV), que sufriu un incendio na invasión francesa que provocou a caída de varias naves, é como unha catedral, con tres portadas, unha con influxo da do Sermental da catedral de Burgos. Actualmente o lugar de culto só ocupa unha parte do transepto.

Chamounos a atención na entrada o retablo renacentista de Santiago, coa imaxe do Santiago Cabaleiro, e con táboas que van contando a lenda da traslatio, unha delas, a da Raiña Lupa, tivermos ocasión de vela na exposición Hospitalitas (2024) de Las Edades del Hombre, na sé de Santiago. Teñen tamén un centro de interpretación para explicar aos escolares os materiais e as técnicas empregadas na construción, así como dous magníficos tapices flamencos, a imaxe de san Miguel atribuído a Diego de Siloe, e parte dun mosaico do século III.

1. SASAMON 5 05 2025 1080

Zaragoza

A mañá do día 6 dedicámolo integro a ver tres dos catro xacementos arqueolóxicos recuperados acompañados por un guía, comezando a visita ao pequeno tramo que se conserva da muralla, o que nos serviu para comprender a importancia da nosa, e o monumento a Augusto, pasando despois por diante das Termas, que non visitamos pola pouca entidade, para ver o anfiteatro e o seu centro de interpretación, outro exemplo de recuperación do patrimonio arqueolóxico e de entendemento entre o propietario do solar e a Administración, que permitiu que non se construíse para recuperalo e poñelo en valor.

Pasamos despois ao conxunto do Foro, recuperado baixo a praza do Pilar, pasando por un tramo da cloaca máxima. O terceiro xacemento foi o do porto fluvial, onde previamente vimos un vídeo explicativo.

2. ZARAGOZA TEATRO ROMANO 6 05 2025 1080

Pola tarde, despois de xantar, cambiamos de período histórico, visitando o palacio de recreo da Alfajería (Qasr al-Surur ou palacio da Ledicía), fortificado construído na segunda metade do século XI por iniciativa de al-Mugtadir como residencia dos reis hudíes de Saragusta. Outra cultura e outra arquitectura reflexo do esplendor alcanzado polo reino taifa no período do seu máximo apoxeo político e cultural que coa mesquita de Córdoba e a Alhambra de Granada forma parte dos tres edificios máis representativos da arquitectura hispanomusulmanada e mudexar.

No percorrido puidemos ver a exposición de obras de Goya, temporalmente exposta neste edificio e tamén visitamos a sala de plenos das Cortes de Aragón. No tempo libre a maioría dos 31 viaxeiros foron a ver a Seo e a basílica do Pilar.

3. ZARAGOZA ALFAJERIA 6 05 2025 1080

Mosteiro de Santes Creus

O día 7, camiño de Tarragona, non se debía perder a oportunidade de ver este mosteiro cisterciense. Entrase ao recinto por unha primeira praza pasando unha gran portada que ten na entrada a igrexa de Santa Lucía, coa fachada esgrafiada, unha das características decorativas dalgúns dos edificios. A segunda praza está dedicada a San Bernardo Calvó, abade do século XIII, onde hai unha estatua. Entre as casas está a que era do abade, hoxe Casa do Concello, e as dos frades, que a partir do século XVIII teñen cellas individuais deixando de utilizar os dormitorios colectivos.

A visita contou cunha magnífica guía contratada pola Asociación, coa que fixemos o percorrido polo interior. Fundado en 1158, as primeiras obras son de 1168, e outras prolongáronse no tempo, polo que conta con partes executadas segundo o estilo arquitectónico de cada momento.

A igrexa albergou o panteón real dos reis de Aragón, con magníficos sepulcros de mármore, o de Pere el Gran está sobre unha bañeira romana de pórfido procedente de Exipto. Destaca o claustro do século XIV, que introduciu o gótico flamíxero en Cataluña o mestre inglés Reinard Fonoll. Capiteis con temas bíblicos, satíricos, costumistas, vexetais e fantásticos, non habituais no Cister, e no centro a fonte cuberta cun templete románico.

4. SANTA CREUS 7 05 2025

Mosteiro de Santa María de Poblet

Pola tarde desprazámonos a Poblet para ver o mosteiro amurallado fundado en 1151 co padroado de Ramón Berenguer IV, e que foi escollido por Pedro o Cerimonioso para panteón real a mediados do século XIV. Foi incendiado e saqueado na Guerra Carlista, exclaustrado na desamortización e abandonado, sendo restaurado a partir de 1940, estando declarado Patrimonio da Humanidade. Despois de ver un estupendo vídeo de introdución á vida monástica, fixemos o percorrido coa guía. No interior da igrexa destaca o retablo maior obra de Damiá Forment feito en alabastro. A ambos lados o cruceiro cortase cos sepulcros colocados sobre un arco carpanel, feitos tamén en alabastro.

Polas súas dimensións chama a atención o dormitorio colectivo que comunica coa igrexa e o claustro, este de estilo cisterciense é gótico tardío. A sala capitular con columnas das que saen as nervaduras que sosteñen a bóveda, contén varias sepulturas de abades que viviron entre os séculos XIV e XVI. Apegado a esta estancia está o refectorio con fonte poligonal para lavar as mans. Resulta curiosa a adega, co lagar para facer o viño, e unha estancia para almacenalo en bocois.

5. MOSTEIRO DE POBLET 7 05 2025

De camiño a Tarragona paramos para visitar o acueduto de Ferreres, tamén coñecido como Ponte do Diaño, un dos tres que fornecía auga á cidade, neste caso do río Francolí, desde unha distancia de 25 km. Mandouno facer Augusto no século I. Mide 217 metros de longo e 27 metros de altura máxima, cun desnivel para que corra a auga de 40 centímetros desde a parte norte a parte sur. Ten dous pisos con arcos feitos con perpiaños unidos en seco.

6. ACUEDUTO DE FERRERES 7 05 2025

Tarragona

O día 8 contamos cun guía excepcional, co que iniciamos o percorrido pola mañá na parte alta da Rambla Nova, na balconada que mira ao mar Mediterráneo onde nos informou da orixe da cidade romana, fundada no ano 218 a. C. onde había un campamento púnico. Augusto estableceuse durante as Guerras Cántabras do 27 ao 25 a. C. Camiñamos ata chegar ao teatro, feito á beira do mar para aproveitar o desnivel para formar as gradas. Conserva os restos da escena, da grada, e o hemiciclo que está ao pé. Despois de recibir as explicacións do guía sobre a organización das actividades, promotores, distribución dos espectadores por clases, etc., fixemos un paseo pola superficie e entramos en algunha galería interior, onde tamén vimos un vídeo e algunhas pilastras con inscricións.

7. TEATRO ROMANO 8 05 2025

Por algunha das rúas puidemos ver casas construídas sobre ruínas romanas, algunhas conservando epígrafes nas fachadas, chegando á Plaça del Pallol, onde se conserva unha casa gótica e se descubriron no 2021 importantes restos que se poden ver no interior do edificio onde está a Concellería de Patrimonio. Hai maquetas de varios xacementos da provincia e unha reprodución dunha estatua de Augusto baleirada en escaiola que foi coloreada a partir da análise do color dunha orixinal.

Pola tarde visitamos a catedral de Santa Tegra, cunha fachada gótica caracterizada na parte superior da portada por estar feita en mármore branco. Iniciada no último terzo do século XII continuaron as obras no XIII e comezos do XIV por lo que se rematou no estilo gótico. A porta principal comezouna o mestre Bartomeu de Xirona. Con todo o tímpano e o resto das esculturas dos apóstolos son de Jaume Cascalls e o seu taller (Jordi de Déu).

O presbiterio e a ábsida central teñen un pavimento da época románica, formado por placas de pedra e mármore de diversas cores formando debuxos xeométricos, en opus sectile. O retablo gótico foi realizado polo escultor Pere Johan entre os anos 1426 e 1434, construído en alabastro policromado. En distintas placas da predela cóntase a historia de Santa Tegra, como se foran as viñetas dun cómic. A parte central, contén doce relevos, divididos en tres niveis e presididos polas imaxes en tamaño maior da Virxe co Neno no centro e nos laterais do retablo santa Tegra e san Paulo. O claustro, con bóvedas de crucería é da tipoloxía dos mosteiros de Poblet e Vallbona de lles Monges.

8.TARRAGONA 8 05 2025

Visitas á Torre dos Escipións, vilas de Altafulla e Centcelles

O día 9 pola mañá saimos camiño de Altafulla para ver a vila romana de Els Munts, detivémonos co guía na chamada Torre dos Escipións, un monumento funerario erróneamente designado desde o século XV ata a segunda metade do século XIX como o lugar onde foron enterrados os dous xenerais romanos. Os estudos científicos realizados concluíron que o monumento construíuse a principios do s. I d. C. e que non ten relación con eles.

9. MAUSOLEO ESCIPIONES 9 5 2025

Despois visitamos a vila de Altafulla, un conxunto formado por depósitos para a auga, residencia, termas e a estancia do que foi un mitreo. Feita a comparación pódese dicir que o de Lugo e o mellor dos tres que se coñece que houbo na península, pois o de Mérida non existe.

10. ELS MUNTS 9 05 2025

Pasamos despois ao enigmático edificio de Centcelles que se erixiu a principios do século V d. C. Tivo diferentes usos, na Idade Media, foi a igrexa do pobo, abandonado no século XIV. Despois utilizouse como ermida dedicada a san Bartolomeu. No século XIX, o monumento pasou a mans privadas e o propietario transformou o conxunto nunha masía, dividindo a sala da cúpula en tres plantas. En 1959, o edificio foi adquirido polo Instituto Arqueolóxico Alemán de Madrid, que fixo escavacións arqueolóxicas e a restauración e consolidación dos mosaicos da cúpula, e en 1978 o conxunto foi cedido ao Ministerio de Cultura.

Non se sabe cal foi a súa función existindo varias hipóteses: un edificio de culto cristián de época tardorromana ou visigoda; o mausoleo do emperador Constante; unha casa de campo xa que no mosaico da cúpula habería a representación dos propietarios, segundo uns do dominus e da domínaa, segundo outros, o bispo de Tárraco; un campamento militar dos exércitos imperiais que, no século V, tentaron recuperar para o Imperio lexítimo romano a totalidade de Hispania, en gran parte baixo dominio bárbaro.

11. CENTELLES 9 05 2025

Visita á Casa Navás en Reus

Na Praza Mercadal fixemos unha visita guiada a un dos máis importantes edificios modernistas da cidade, que foi proxectado polo arquitecto catalán Lluís Domènech i Montaner e construído entre 1901 e 1908, por encargo dos seus propietarios, Joaquim Navàs Padró, comerciante de panos, e a súa dona Josepa Blasco Roura. Na planta baixa estaba a antiga tenda de tecidos, "Casa Navàs".

O edificio está considerado como un exemplo único do modernismo en Europa, xa que se conserva tal e como quedou cando se terminou, agás da torre que ocupaba o cume do ángulo das dúas fachadas e que foi destruída nun bombardeo en 1938, as vidreiras, o mobiliario, as tapicerías bordadas, a roupa do fogar, os damascos dos balcóns para os días de festa, os estores e os tecidos de seda das paredes.

12. CASA NAVAS REUS 9 05 2025

 

Mosteiro de San Salvador de Oña

Despois de durmir en Zaragoza, o día 10 comezamos o regreso visitando o mosteiro de San Salvador de Oña, fundado como dúplice en 1101 polo conde Sancho García, administrado polo bieitos. Foi desamortizado, adquirido polos xesuítas que o dedicaron a Colexio Máximo e Universidade Pontifical, sendo adquirido pola Deputación de Burgos en 1968.

13. MOSTEIRO DE OÑA 10 05 2025

Un dos retablos da entrada está dedicado a san Froilán, conservando utra imaxe na porta da sancristía que comunica coa sala capitular. Son digno de mencionar o órgano, o fragmento do antigo retablo maior do século XV, o conxunto barroco da capela maior, a sillería, e os sartegos de madeira tallada situados á esquerda do presbiterio dos reis Sancho II o Forte, Sancho III o Maior e a súa doma Maior, e do infante García fillo de Afonso VII o Emperador. Os da dereita son os dos condes, e conteñen os restos do conde fundador e da súa dona Urraca e do seu fillo García Sánchez, e os dos infantes Afonso e Enrique, fillos de Sancho IV o Bravo. Na sancristía hai o traxe de mortalla do infante García do século XII e a aljuba do conde Sancho García tecido de época califal do século X.

O claustro e de estilo gótico flamíxero realizado por Simón de Colonia entre 1503 e 1508, sobre a porta de entrada está a imaxe da Virxe. Neste espazo hai o sepulcro renacentista do bispo de Osma Pedro González Mansó.

Despois de xantar regresamos a Lugo a onde chegamos ás 21 horas.