Imprimir ésta páxina
Mércores, 02 Outubro 2019 21:15

VIAXE Á MARIÑA LUCENSE

O 28 de setembro saímos de Lugo ás 8,30 horas para facer a viaxe á Mariña Lucense dentro do Ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial. Comezamos as visitas programadas visitando a partir das 10,30 horas a basílica de San Martiño de Mondoñedo, vinculado a San Rosendo, onde recibimos a explicación da guía no interior do templo que nos explicou as características da igrexa, programa iconográfico das pinturas románicas, renacentistas e barrocas e significado do altar pétreo e representacións dalgúns capiteis. Posteriormente fixemos un percorrido polo centro de interpretación do monumento onde completamos a información.

Como o día 10 tivemos a conferencia de Adolfo de Abel Vilela sobre, “As fábricas de fundición e louza de Sargadelos no agromar industrial de Galicia”, era obrigado facer unha visita ao que queda daquela grande iniciativa. Comezamos o percorrido ás 12,15 horas na Casa da Administración recibindo as documentadas e amenas explicacións de Elisa Pérez sobre as orixes e vicisitudes das Reales Fábricas de Sargadelos. O presidente fixo unha breve intervención para falar sobre o proceso de fabricación das louzas estampadas diante das pezas expostas que foron admiradas por los viaxeiros.

Despois saímos para facer un percorrido pola parte histórica das fábricas comezando polo mesón e as vivendas, a zona onde estivo a fundición, lugar do fuelle, fornos de reducción do mineral, e camiñando polo "Paseo dos namorados" nun día de outono espléndido ata a presa que abastecía de augo ao complexo industrial, sempre acompañados por Elisa que facilitou competente información sobre o complexo industrial da siderurxia e da fábrica de louzas.

Rematada a visita ás 14 horas trasladámonos a Viveiro para xantar. Ás 16,45 horas acompañados por Paco Luis o noso colega de Mariña Patrimonio, trasladámonos a Chavin onde nos esperaba o técnico Pablo Díaz para mostrarnos a central eléctrica. Vimos o antigo complexo fundado por José Barro González (1873-1943) para a fabricación de automóbiles. De Dion-Bouton, a matriz francesa, converteu a fábrica na súa franquicia para España e a José Barro no seu aliado para este mercado. A esta marca sumáronse as de Delahaye (Francia) e Brockway (EE UU), para facer de Barro-Chavín unha lanzadeira da automoción en España pioneira en Galicia.

Polo precioso paseo do Souto da Retorta, e antes de chegar á central eléctrica que abastecía de electricidade aos talleres e a Viveiro para o alumado, vimos o eucalipto coñecido como "O avó", plantado en 1880, ten un perímetro de 7,55 m. e unha altura de 61,78 m., polo que está incluído no catálogo galego de árbores senlleiras.

A central foi rehabilitada conservándose tanto o edificio como a turbina e dinamo orixinal, o que constitúe un exemplo de conservación do patrimonio industrial, sendo adaptada para estar automatizada, un traballo moi meritorio realizado pola empresa Nexia Renovables.