Imprimir ésta páxina
Xoves, 30 Xuño 2016 00:00

VIAXE A SANTIAGO

Dentro do ciclo "O Camiño Primitivo onte e hoxe", LugoPatrimonio fixo unha viaxe a Santiago de Compostela o 25 de xuño para visitar o novo Museo das Peregrinacións, que anque xa se visitara na antiga sé, nesta ocasión foi para ver a súa nova instalación no antigo edificio do Banco de España na Praza das Praterías. A visita guiada durou máis dunha hora. Hai que destacar a calidade da nova montaxe e o seu discurso expositivo que comeza na planta cero facendo unha introducción ao fenómeno das peregrinacións no mundo e remata na planta terceira coas vitrinas dedicadas ao traballo dos acibecheiros, prateiros e gravadores de Santiago. Despois subiron ata a última planta para gozar das vistas da catedral.
Pola tarde fixeron unha visita guiada a exposición "Con fío en Galicia", no Museo da Cidade da Cultura, cun discurso que comeza no paleolítico, cunha agulla de oso da cova Eiros de Triacastela, e remata cunha pasarela con vestidos femininos e masculinos dos deseñadores galegos. Ao longo de 300 pezas de distintas épocas, centra a atención no téxtil galego que comezou a desenvolverse nos anos 50 do século pasado, recreando esta historia pinturas, obxectos e documentos. De ambas dúas visitas os viaxeiros quedaron moi satisfeitos.