Luís Costa (Cambados, 1968)  é licenciado en Musicoloxía (Oviedo, 1992) e en Historia (UNED,  1999); acadou o doutoramento na área de Música (Santiago de Compostela,  1999) con Premio Extraordinario. Veu desempeñando a docencia como profesor  titular de música en Ensino Medio e como profesor titular de Hª da  Música, Estética e Hª da Arte, en diversos conservatorios; actualmente  exerce no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga (Pontevedra), do  que é director desde 2006, e no Conservatorio Superior de Vigo. É  ademais profesor asociado de Historia da Música e Folklore e do programa  de doutoramento do departamento de Didácticas Especiais na Universidade  de Vigo desde 2000. Ten sido profesor invitado en cursos de doutoramento  e posgrados noutras universidades dentro e fóra de Galicia e director  de numerosos traballos de investigación, participando regularmente  como conferenciante en diversos foros divulgativos. Como investigador,  ademais da súa tese de doutoramento (edición electrónica), ten publicado  ao redor de de unha cincuentena de traballos en revistas especializadas,  actas de congresos, seminarios, e obras colectivas con especial atención  á función da práctica musical como espacio de construcción de significados  sociais na Galiza contemporánea.
Entre as súas contribucións máis recentes cómpre destacar o ensaio introductorio “Música e ideoloxía na xénese dos grandes cancioneiros folclóricos de Galicia” formando parte dos estudios críticos da reedición do Cancioneiro Musical de Galicia, (Fundación Barrié de la Maza, 2008) e a serie de dazasete colaboracións referidas ás danzas rituais en Galicia, en curso de publicación na obra Tempos de Festa en Galicia (Fundación Caixagalicia, 2006, 2008, e previsto vol III no 2010).
Actualmente é membro de numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais, da comisión técnica do Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega) e do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.