Imprimir ésta páxina
Mércores, 04 Novembro 2026 09:43

Viaxe aos mosteiros de Ferreira de Pallares, San Pedro de Rocas e Xunqueira de Espadañedo

24 de outubro

Acompañados por Héitor Picallo, comezamos a xornada visitando o mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares. Alí, explicou as orixes altomedievais da estrutura, sinalando no exterior, entre outros elementos, un modillón visigodo, e unha inscrición na casa reitoral. No interior da igrexa, falou dos diversos elementos arquitectónicos do conxunto, destacando especialmente o claustro renacentista e a capela funeraria da familia Taboada, do século XV, que alberga dous magníficos sepulcros con efixies xacentes situados en arcosolios.

A continuación, proseguimos a viaxe cara a Esgos para visitar San Pedro de Rocas, que tivo a súa orixe nun eremitorio do século VI.

Picallo falou da gran antigüidade do lugar e salientou elementos que suxiren unha vinculación con cultos precristiáns. Os viaxeiros quedaron especialmente impresionados pola enorme formación rochosa utilizada como campanario, o conxunto de sepulturas antropoides escavadas directamente na rocha e os restos dun mappa mundi moi erosionado.

Pola tarde, visitamos o mosteiro cisterciense de Santa María de Xunqueira de Espadañedo. Alí, María Eugenia Muñoz ofreceu unha explicación amena e didáctica sobre a súa historia, poñendo de relevo o importante patrimonio arquitectónico e escultórico que se conserva no lugar. Tamén describiu o esforzo colectivo que se está a levar a cabo na localidade para recuperar e restaurar este mosteiro "A xoia oculta da Ribeira Sacra".