Imprimir ésta páxina
Xoves, 18 Setembro 2025 16:40

Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela

Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela

16 de setembro

Para dar conta do que supuxo no seu momento a celebración do Bimilenario de Lugo, entre finais de 1975 e todo o ano 1976, organizouse unha mesa redonda con Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela, que participaron na organización e desenvolvemento de algunhas das actividades que se programaron.

Adolfo de Abel manifestou que só viven cinco persoas que estiveron implicadas na organización da efeméride, o que foi comisario, José Luis Hernangómez Sastre; o que era alcalde, Tomás Notario Vacas; o arquitecto de Belas Artes, Antonio González Trigo, e eles dous. Comezou facendo unha síntese da orixe e desenvolvemento das actividades programadas. A idea partiu do que era alcalde Fernando Pedros Roldán que fora convidado como alcalde dunha cidade romana ao Bimilenario de Badalona. Despois da viaxe, o 5 de maio de 1973 expuxo na Comisión Provincial de Patrimonio a idea de que se podía facer tamén a conmemoración da fundación de Lugo, o que foi aceptado. Para iso solicitou información ao catedrático de Latín da USC, Manuel Cecilio Díaz e Díaz, que aportase algunha noticia sobre o particular, o que non foi posible.

Substituíno como alcalde Antonio Pol González que mediante unha moción que se aprobou na sesión do 28 de xuño de 1974, retomouse o tema, creándose unha comisión da que formaban parte representantes de diversas institucións e organismos, sociedades, bancos e caixas de aforro e persoas que se considerasen necesarias. O gobernador civil, Guillermo Ruiperez del Gallego, foi decidido impulsor, labor que continuou o sucesor Antonio Barrera Maseda nomeado a finais de 1974, ao que puxo en antecedentes Adolfo de Abel, celebrando posteriormente unha reunión na que participou Felipe Arias Vilas, que era o Conservador do Museo Provincial, suxerindo a necesidade de que houbese algunha publicación e unha parte científica. O motivo escollido para o logotipo foi o reverso dun as de bronce de Augusto, coñecida como a moeda da caetra que se supón feita na cidade.

Para executar os acordos do comité organizador, designouse ao delegado do Ministerio de Información e Turismo, José Luis Hernangómez Sastre, que fora nomeado o 24 de febreiro de 1975, entre outras razóns por ser de Segovia, e que xa celebrara o Bimilenario do Acueduto. Pediu información sobre o Bimilenario de Mérida, pero pouco aportou, sendo máis os eventos desenvolvidos en Lugo.

O 13 de abril constituíse o Comité no Goberno Civil, sendo o presidente o lucense Antonio Carro Martínez, naquel momento ministro da Presidencia, acordándose o programa. A data escollida para a proclamación foi o 25 de novembro no salón de sesións do Concello e no Círculo das Artes, onde deu o pregón o escritor Álvaro Cunqueiro, pero os acontecementos políticos, Marcha Verde e morte de Franco, impediron a presencia do ministro no acto.

O 3 de xuño de 1976 constituíuse un segundo padroado no despacho do ministro da Gobernación, Manuel Fraga Iribarne, ostentando a presidencia de honra o rei Juan Carlos, que coa raíña Sofía visitarían a cidade dous meses despois, sendo alcalde Tomás Notario Vacas.

Despois de enunciar as actividades desenvolvidas ocupouse do polémico monumento encargado ao escultor Santiago de Santiago Hernández, por facer a aguia coas ás pregadas, “o pombo”, por temor a que fose derrubada a columna un día de vendaval, explicou as características, a crenza popular de que influíra para que tocase o segundo premio da lotería do sorteo de Nadal do ano 1975 que estaba enfronte. Substituída pola actual, continuou a racha noutra administración situada nas galerías da mesma praza, ata cinco premios importantes e unha quiniela de 208 millóns de pesetas. Cando Tomás Notario volveu a alcaldía, dezasete anos despois recuperou a primeira aguia para colocar no inicio das Costas do Parque.

Felipe Arias Vilar centrouse no Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Salientou que un dos aspectos que loxicamente tiña que contemplar a celebración do Bimilenario eran os temas científicos arqueolóxicos e históricos. Nesa liña, xa en 1975 promoveuse a publicación dunha Guía arqueológica romana de Lugo y su provincia (de A. de Abel e F. Arias), que tería unha gran utilidade tanto científica como divulgativa á hora de resaltar a importancia de Lucus Augusti e o seu territorio.

Pero a principal acción que se realizou neste sentido foi a organización dun Coloquio internacional que dera luz sobre todos os aspectos da cidade romana e da súa importancia dentro do N.O. de Hispania, tendo en conta tanto os precedentes prerromanos coma a etapa final marcada polo mundo paleocristián e o inicio do reino suevo.

Logo dunha convocatoria que tivo moi boa resposta por mor da colaboración do que fora profesor da USC, Alberto Balil Illana, o Coloquio celebrouse en abril de 1976 cunhas moi interesantes e participativas sesións e tamén varias visitas a elementos e conxuntos patrimoniais da cidade e provincia de Lugo.

En 1977 conseguiuse editar as Actas deste Coloquio que haberían de ter unha extraordinaria repercusión tanto na bibliografía como nas investigacións posteriores, o que se explica pola categoría dos particopentes e o interese das intervencións: J. Maluquer de Motes e F. Jordá Cerdá centráronse no mundo prerromano peninsular ante a chegada de Roma, Lourdes Albertos Firmat incidiu na súa novidosa, e desde entón aceptada hipótese, sobre o C invertido da epigrafía como reflexo dos castella galaicos, M. Chamoso Lamas contaba as ‘sorpresas’, que daquela parecían inexplicables, que ofrecían as primeiras escavacións no castro de Viladonga, mentres o italiano Giovanni Forni comparaba a conquista e romanización astur-galaica coa doutras zonas periféricas do Imperio, e J.Mª Bláquez analizaba desde un punto de vista máis tradicional o impacto romano no N.O. Baseándose sobre todo nas inscricións lucenses como a do liberto Saturninus, o francés Patrick Le Roux e A. Blanco Freijeiro analizaban o importante papel administrativo de Lucus Augusti, ao tempo que o xa citado Alberto Balil estendía a análise a outras mostras e áreas da Gallaecia como a brigantina, polo seu porto e o seu faro ou Torre de Hércules, que foi obxecto dun demorado estudo polo investigador alemán Theodor Hauschild.

Fernando Acuña Castroviejo aportou unha completa bibliografía da Galicia romana, e Pedro de Palol introducíase nas relacións entre as cidades e o campo na etapa tardorromana, como período de transición ao mundo paleocristián que analizarían desde distintos puntos de vista M. C. Díaz y Díaz (sobre todo lingüístico), o alemán Helmut Schlunk (cunha gran clarividencia arqueolóxica) e o francés Alain Tranoy (sobre o papel dos primeiros  bispos no século V), en todos os casos con algunha mención ao priscilianismo.