Imprimir ésta páxina
Domingo, 18 Xuño 2023 17:20

Conferencia de Lois Ladra sobre “A ourivaría galaica hoxe: investigacións e achegas entre eivas, monopolios e atrancos”

13 de xuño

Comezou o conferenciante facendo algunhas precisións sobre o termo castrexo, para referirse despois ao traballo desenvolvido sobre esta cuestión polo Seminario de Estudos Galegos, mencionando especialmente o de Florentino López Cuevillas e a súa publicación Las joyas castreñas. Fixo un repaso de catálogos e mencionou que dos 276 achados de torques inventariado en Europa, 200 pertencen ao Noroeste da Península ibérica, o que demostra a importancia da ourivería galaica no contexto atlántico onde se observa unha unidade cultural con Portugal e Irlanda. Mencionou que o coñecido como Tesouro das Silgadas (Caldas de Reis), estaba composto orixinalmente por diversas pezas de ouro que pesaban uns 30 quilos.

Partindo dunha ampla experiencia de mais de tres décadas como arqueólogo e investigador independente no ámbito da ourivaría galaica, o conferenciante expuxo de xeito crítico, autobiográfico e incisivo as diversas etapas e circunstancias nas que se desenvolveron as súas pescudas, desde a formación en centros universitarios galegos, españois e portugueses ata a publicación dos resultados das mesmas, evidenciando un panorama institucional xenericamente pouco alentador, ineficiente e obstrucionista, caracterizado polo desleixo académico interior, pola progresiva elitización universitaria, polas dificultades no acceso ao estudo directo dos materiais, polo sistemático desperdicio do talento xuvenil e pola prédica oficial de unha teórica excelencia, en manifesta oposición a unha práctica pouco menos que indixente.

Ao longo da exposición, tratou polo miúdo, con multitude de exemplos concretos abertos á opinión crítica do auditorio, diversos aspectos de interese sobre o ouro, a ourivaría e os galaicos:

O papel das universidades en canto centros de formación.

O papel das universidades como centros de investigación.

O papel dos museos como depositarios das principais colecións de ourivaría.

A dispersión dos fondos e o seu estado de conservación.

A existencia ou inexistencia de inventarios, catálogos e publicacións de materiais.

A investigación individual e a conformación de equipas multidisciplinares.

As técnicas e os recursos analíticos: balanzas de precisión, radiografías, MEB…

Os proxectos de investigación e o seu financiamento.

O papel dos coleccionistas, das fundacións e doutras institucións privadas.

A exposición dos materiais: fondos permanentes, mostras temporais...

As interpretacións históricas e sociolóxicas: valor, propiedade, uso, xénero...

Análises tipolóxicas, formais, simbólicas, químicas, ponderais...

A maior concentración de ouro ao longo de toda a prehistoria europea.

A Gallaecia como “Eldorado” da Antigüidade, etc.

Rematada a exposición que resultou moi amena e interesante, houbo un coloquio co público.