Imprimir ésta páxina
Xoves, 17 Marzo 2022 16:21

Proxección do vídeo “A vivenda ¿un ben social?”, coa intervención da autora Sagrario Fernández Méndez, e do arquitecto Xosé Anxo Carreira Montes

Proxección do vídeo “A vivenda ¿un ben social?”, coa intervención da autora Sagrario Fernández Méndez, e do arquitecto Xosé Anxo Carreira Montes e conferencia sobre “A vivenda social nos cascos históricos. O exemplo de Lugo”.
15 de marzo

Proxectouse o vídeo “A vivenda ¿un ben social?”, coa intervención da autora Sagrario Fernández Méndez, e posteriormente interveu o arquitecto Xosé Anxo Carreira Montes que falou sobre “A vivenda social nos cascos históricos. O exemplo de Lugo”.

O vídeo recolle os testemuños de profesionais dos servicios sociais, de afectados por esta problemática, de persoas sen teito, de xuristas, de arquitectos, de sociólogos, de políticos da esfera local, que ofrecen a súa opinión e visión dun problema non resolto que está presente especialmente nas cidades.
Despois da proxección o arquitecto Xosé Anxo Carreira Montes que foi delegado da Consellería da Vivenda cando se comezou a rehabilitación do Barrio da Tinería de Lugo para vivenda social, contou os problemas cos que se atoparon para comezar o desenvolvemento dun plan, aínda hoxe inacabado a pesar dos moitas anos transcorridos, que trataba de recuperar un patrimonio inmoble moi degradado.


Comezou dicindo que era unha realidade difícil de combater e que no goberno bipartito volcáronse os esforzos da Administración en espazos consolidados dos cascos históricos de vilas e cidades da provincia.
O casco histórico  de Lugo, moi baleiro e diverso, ofrecía as posibilidades dunha intervención en vivenda pública doutro xeito, que pretendía ser modélica e varios aspectos, e que, ata onde se desenvolveu, o foi.
Fíxose a un prezo que resultou razoable, uns 600.000 € por edificio, cun máximo de seis vivendas, resultando a un promedio de 120.000 € por vivenda. Houbo moitos problemas para desenvolvelo, comezando pola adquisición debido en moitos casos pola fragmentación da propiedade, houbo un caso de 68 propietarios para un edificio de 50 m2., incluso debido ao abandono, o descoñecemento de quen era o propietario e a súa ausencia da cidade. A segunda fase foi a tardanza en conseguir as licencias con un Pepri deficiente, moi conservador, e moi ríxido, con dificultades para poñer os ascensores,  as escavacións arqueolóxicas cuxo custo repercute no propietario, etc.
Os proxectos executados do plan están neste momento a un 60 por cento, e outros paralizados desde hai anos. Para darlle vida ao barrio instalouse a Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo, e para o Pazo de Dona Urraca estaba previsto o establecemento dun Centro de Estudios e Documentación Social de Galicia así como a creación dunha praza, poñendo en valor os achados arqueolóxicos atopados. No canto da ocupación o 50 por cento da vivenda creada estaba destinada a mozos e o outro 50 por cento a persoas maiores.
Puxo exemplos con imaxes, sorprendendo os patios interiores dos edificios, xeralmente construídos en solares estreitos e moi longos. Procurouse recuperar os materiais tradicionais e aproveitar todo o que era recuperable. O resultado foi conseguir unhas vivendas sociais cunha aparencia moi digna a prezo razoable, ata o caso de que houbo críticas polos acabados, considerados como de vivenda de luxo.