Imprimir ésta páxina
Martes, 23 Abril 2019 16:50

APERTURA DO CICLO SOBRE O PÓRTICO DA GLORIA

O día 15 de xaneiro de 2019, comezou o Ciclo dedicado ao Pórtico da Gloria. Antes da conferencia de apertura, que estivo a cargo do director conservador da catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró, o presidente Adolfo de Abel Vilela agradeceu a presencia e a colaboración tanto do conferenciante como do presidente da Fundación Catedral de Santiago, o cóengo fabriqueiro Daniel Lorenzo Santos, e dixo que a Asociación Cultural Lugo Patrimonio, que naceu no ano 2006 para defender, promocionar e divulgar o noso patrimonio material e inmaterial, non podía deixar pasar o feito da recuperación do elemento arquitectónico e escultórico máis importante da Catedral de Santiago, da escultura europea do momento, e de significación para a peregrinación xacobea, como era o Pórtico da Gloria, recentemente restaurando.

Pola súa parte Daniel Lorenzo agradeceu a Lugo Patrimonio que organizase este Ciclo de conferencias para divulgar os múltiples valores do Pórtico, e que os socios fosen a visitar esta gran obra do Mestre Mateo.

Na mesa había a reproducción dun dos instrumentos do Pórtico elaborado no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación Provincial de Lugo, do que ao final do acto deu unha explicación Luciano Pérez.