Imprimir ésta páxina
Martes, 13 Novembro 2018 13:46

Conferencia de Concepción Losada Vázquez e José Manuel González Reboredo, "40 anos do Museo do Pobo Galego".

5 de novembro

Comezou a intervención o profesor José Manuel González Reboredo facendo referencia a que no século XIX houbo un intenti de crear un Museo de Galicia. En 1884 a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago inaugurou un Museo que durou poucos anos. En 1887 José Villaamil y Castro, elabora unha Memoria sobre la creación de un museo arqueológico en la ciudad de Santiago por encargo do Ministerio de Fomento partindo do anterior que tería tamén algúns materiais etnográficos. As creacións das Comisións Provinciais de Monumentos Históricos e Artísticos, darán lugar á creación do primeiro museo provincial, o Arqueolóxico de Ourense.

Coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos crease unha sección de Etnografía e Floklore que vai dirixir Vicente Risco. En 1930 crease unha comisión encargada de dar os primeiros pasos para a posta en marcha do Museo de Galicia, da que forman parte Vicente Risco, Xesús Carro, Ramón Martínez López, Xosé Filgueira Valverde e Alfonso Rodríguez Castelao. En 1932 son nomeados encargados do museo Xesús Carro e Xaquín Lorenzo Fernández. O Museo instalouse no salón Artesonado do Colexio de Fonseca. Entre os materiais había algúns de carácter etnográfico, como cerámica de Sargadelos, Niñodaguia, Buño, e maquetas de arquitectura popular. En 1936 desaparece o Seminario quedando o proxecto en nada. En 1943 creouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que recolleu os materiais e a biblioteca propiedade do Seminario, contando coa sección de Etnografía e Folklore. Na década 1960-70 Manuel Chamoso Lamas tentou crear tres museos etnográficos en Galicia.

O Museo do Pobo Galego naceu en 1976. Xestouse no restaurante Chocolate de Vilaxoán a finais de 1975, sendo os promotores da proposta Rafael Baltar, Xusto Beramendi e Carlos García Martínez, apoiando a iniciativa o Colexio de Arquitectos de Galicia. O 24 de xaneiro de 1976 ten lugar a xuntanza de membros de doce institucións e trinta persoas relacionadas coa cultura galega, na que se decide dar os pasos para a creación, constituíndose unha Comisión Xestora, que elaborou un regulamento, e unha Comisión de Difusión. O 5 de xullo de 1976 o Ministerio de Cultura aprobou os Estatutos do Padroado, e o 31 de xullo quedou constituído baixo a presidencia de Xaquín Lorenzo Fernández, sendo o director do museo Antonio Fraguas e secretario Carlos García Martínez.

O 29 de outubro de 1977 inauguráronse as dúas primeiras salas no mosteiro de San Domingos de Bonaval cedido polo Concello de Santiago.

O Museo non está vinculado a ningunha institución oficial, anque estas están representadas nos órganos estatutarios, é unha iniciativa cívica, rexido por un padroado con 24 patróns institucionais, 53 patróns numerarios e 10 representantes dos 1.364 socios que ten. Este padroado estivo presidido por Xaquín Lorenzo Fernández, Antonio Fraguas Fraguas, Isaac Díaz Pardo e Justo Beramendi González. É o museo do ser de Galicia, da súa identidade, segundo Fraguas, que pretende construír unha idea de Galicia, combinar o local co global, a glocalización, e dicir, o local con pretensión de ser global.

Concepción Losada Vázquez, doutora en Medicina e profesora do departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC, vicepresidenta do Padroado do Museo, falou como coordinadora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, dando explicacións sobre os contidos deste arquivo, que son cantigas, tanto a letra como a voz, e filmacións de temas folkloricos, facendo unha demostración de como se pode consultar en Internet.