Imprimir ésta páxina
Domingo, 15 Abril 2018 22:06

CICLO O MUDÉXAR. Conferencia de Carlos Andrés González Paz

O día 10 de abril comezou o ciclo dedicado ao Mudéxar cunha conferencia introductoria de Carlos Andrés González Paz, titulada "A pegada musulmán na Galicia medieval". Dixo que en termos xerais, a produción historiográfica sobre o noroeste da Península Ibérica na Idade Media minimizou a semántica da cuestión musulmá e, cando directamente non se sitúa ao marxe nas análises e debates, obsérvase esencialmente desde parámetros propios da historia militar e política, incidíndose de forma continua na confrontación.

Nese sentido, a través dun enfoque que busca rachar con tópicos establecidos, o relatorio concrétase na presentación dun amplo estado da cuestión, centrado nos ámbitos temáticos menos coñecidos da pegada musulmá (orixes, características, implantación, tipoloxía, evolución, etcétera) no cuadrante noroeste da Península Ibérica, nunha extensa área territorial que conforma a Yilliqiya andalusí, nunha ampla cronoloxía que se enmarca entre o século VIII, é dicir, a conquista da Península Ibérica e o xurdimento de al-Andalus, e o século XVI, ou sexa, a derrota da sublevación mourisca granadina e a redistribución forzada dos seus continxentes demográficos en terras da coroa castelá.