Imprimir ésta páxina
Luns, 02 Mai 2016 00:00

SEGUINDO OS PASOS DE SAN FROILÁN


Os días 30 de abril e 1 de maio, a Asociación viaxou as provincias de Zamora e León facendo de guía Ignacio Rodríguez Eguibar. Na mañá do primeiro día visitouse o que queda do Mosteiro de San Miguel de Moreruela de onde viñeron para Lugo as reliquias de San Froilán, que pertenceu ao Cister, sendo a parte que se conserva máis importante a cabeceira da igrexa, con sete capelas absidais e deambulatorio, de estilo de transición entre o románico e o gótico.


Despois pasamos a  San Salvador de Tábara, onde houbo un scriptorium, no que traballou o escriba y miniaturista Maius, copiando o Apocalipsis de San Xoán. Na igrexa de Santa María de Tábara visitamos o centro de interpretación "Beato de Tábara".
A continuación pasamos a León onde xantamos e despois visitamos a catedral, especialmente a porta sur dedicado a San Froilán,que explicou Eguibar, e no interior vimos unha vez máis as fermosas vidreiras e a furna de prata que conserva parte dos restos  do santo que está debaixo da mesa do altar na capela maior, e as representacións escultóricas do santo que están no coro e no remate do trascoro.
O día 1 de abril marchamos para ver no concello de Valdelugeros unha fervenza espectacular e a ponte de orixe romana, pero modificada no XIX, chamada Puente del Ahorcado ou dos Verdugos.
Despois desde Nocedo de Curueño subimos andado tres quilómetros ata Valdorria para subir á ermida de San Froilán bordeando un rochedo espectacular, e asistir a misa votiva de rogativa, á que foron autoridades, o alcalde de Valdepiélao, Julio González fernández, a banda da Academia Militar de Aviación de León, dando un pregón o xeneral de división do Exercito do Aire, Antonio Valderrama López.
O crego que dixo a misa, Francisco Pérez Rodríguez, estivo en Lugo cando era neno vivindo na rúa de Quiroga Ballesteros, porque seu pai, que era de León, e funcionario de correos, estivo destinado na cidade. Na súa homilía mencionou "ao peregrinos que viñeran de Lugo". Un día de sol magnifico e unhas vistas espectaculares.
Rematamos o día xantando en Castrillo de los Polvazares  o cocido maragato e vendo despois en Ruitelán a ermida que contén a cova onde se di que viviu San Froilán dez anos.