Imprimir ésta páxina
Martes, 29 Setembro 2015 00:00

MINIBIOGRAFÍA AURELIA BALSEIRO GARCÍA Destacado

Nacín fai 48 anos na aldea de Folgueiro, concello de O Vicedo, na mesma casa que miña nai, meu avó e meu bisavó. Con 13 anos meus pais e meus tres irmaos fumos a vivir a Burela donde estudei o Bacharelato e COU. Tamén estudei E.X.B. en Foz  e dado que tamén meu pai é de Xove e logo casei en Viveiro cando me preguntan de donde son digo da Mariña en xeral porque teño ligazóns en case todos os concellos mariñáns.
Estudei na Facultade de Xeografía e Historia da USC donde me licenciei coa especialidade de Museoloxía e con grao en 1991, logo fixen o programa de doutoramento en arqueoloxía do departamento de Historia I, pero non rematei  a tese (mea culpa). Daquela foi cando a miña profesora e titora Raquel Casal García orientoume cara ao estudo e investigación do ouro prerromano, eido no que continúo a traballar sempre que as obrigas laborais e familiares me deixan.
Comecei no mundo laboral na Administración Local como técnico de actividades socioculturais primeiro no concello de Cervo e logo na Deputación Provincial de Lugo donde gañei a oposición de funcionaria e case unha década despois destes inicios, en 2008, nomeáronme Directora do Museo Provincial de Lugo.
Teño investigado, escrito e publicado sobre diversos temas sempre relativos ao patrimonio cultural galego dende a prehistoria, a historia, a arte, arqueoloxía, camiños de Santiago, museoloxía, etc., pero os tres libros que me editaron atinxen ao ouro e a ourivería prerromana do Noroeste peninsular, eido da miña especialidade.
A miña afición preferida é viaxar e arrastro sempre á miña familia a visitar museos e monumentos ou  organízolles excursións “culturais” con calquera disculpa polo que me consideran unha “pesada”, pero no fondo sei que tamén lles gusta.

Lugo en Setembro de 2015