Imprimir ésta páxina
Domingo, 31 Mai 2015 00:00

LUGOPATRIMONIO CELEBRA O REMATE DA PRIMEIRA FASE DE PROTECCIÓN DA IGREXA ROMÁNICA DE VILASOUTO COS VECIÑOS E VECIÑAS DA ALDEA E MAIS CO REPRESENTANTE DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO.

No día 30 de maio, un grupo de asociados e asociadas de LugoPatrimonio,  desprazouse a Vilasouto (O Incio), para celebrar cos veciños e veciñas e mais co Vicepresidente da Deputación de Lugo,  Antonio Veiga Outeiro, o remate da primeira fase de rehabilitación da igrexa románica de San Mamede, o cal foi loado e agradecido polos presentes, pois significa a salvación dunha igrexa que estaba a piques de esboroarse. Os presentes, aparte dos agradecementos, reclamaron xa e solicitaron o estudo e execución da segunda fase das obras que consisten no uso e rehabilitación final para a consolidación exterior da igrexa  e adaptación do interior como Centro de interpretación da historia de Vilasouto e comarca con especial focamento da súa importancia: monumental, grande riqueza dos petróglifos  e área arqueolóxia de Santa Mariña que garda 40 mámoas e tres gravados rupestres e co obxectivo tamén de que o futuro Centro sirva como dinamización da economía e turismo da comarca.

Os asistentes desprazáronse posteriormente aos outeiros de Trasmonte onde un dos veciños e activo dinamizador do patrimonio da zona, así como integrante da plataforma que conseguíu esta primeira fase da rehabilitación de San Mamede, Xosé Antonio Corujo lles mostrou os impresionantes petroglifos que cobren os Penedos da Ferradura.