Imprimir ésta páxina
Martes, 10 Novembro 2009 11:58

Ás portas de Rinlo

 

Froito dun ano de laboriosidade, o fotógrafo Fernando Páez (Ribadeo, 1953) preséntanos “Ás portas de Rinlo”, a súa persoal visión das xentes e paisaxes deste lugar primixenio e antigo. O gusto do fotógrafo pola representación silenciosa do paso do tempo (“Incursións”, 2005) e o pulso para captar o inenarrable continúan vivos neste novo traballo. O artista retrata os veciños en actitude estoica ás portas das súas casas ou no límite do espazo transitado dos cantís, captando a súa ineludible e dura existencia diaria. As imaxes austeras, melancólicas e naturalistas son tanto unha homenaxe ás persoas e a natureza portentosa que os protexe e alimenta como unha reflexión sobre a sinxela e heroica relación que o mundo tradicional é capaz de establecer co medio que habita e constrúe. O artista capta a resonancia poética desta existencia e conmovenos coa representación do mais humilde, inhóspito ou extravagante; marcas propias da identidade elusiva deste lugar.


“Ás portas de Rinlo” forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC”. O obxectivo é resaltar a singularidade e o valor patrimonial de Rinlo a través da mirada atenta e sensible da arte, reivindicando o valor do vernáculo e a paisaxe histórica do núcleo. O fin que nos alenta é o de promover a causa da súa conservación, concienciando ós cidadáns da importancia de defender e valorar o propio. O catálogo da exposición que publica a Área de Cultura da Deputación de Lugo reúne un total de 50 imaxes que nos acercan e recrean a beleza acumulada no espazo imaxinario da historia e a cultura tradicional que esmorece. Sumar vontades a favor da protección e declaración de Rinlo un Ben de Interese Cultural pode ser o primeiro paso cara a unha actitude máis responsable cos entornos tradicionais en que vivimos, unha oportunidade para comezar a construír un futuro sen perder o sentido e o significado do pasado.


Carlota Eiros, arquitecta

 

Invitación Refectorio "Ás portas de Rinlo"

Ás Portas de Rinlo