Imprimir ésta páxina
Xoves, 14 Mai 2009 00:00

Apoio de LugoPatrimonio á manifestación do día 17 de maio en defensa do noso idioma propio

 

Como defensoras e defensores do Patrimonio galego material e inmaterial, manifestamos o noso dereito irrenunciábel a usar con normalidade na nosa vida diaria o máis grande patrimonio construído por galegos e galegas a través da historia: o idioma.

Porque un pobo que crea esta riqueza non pode quedar calado e pasivo ante a involución á que o propio goberno do país o quere someter. Un goberno que persegue e elimina as tímidas leis que  intentan protexer o galego, por moita aclamación que teña,  é un goberno oposto aos dereitos colectivos que asinaron os organismos internacionais e que elimina o que institucións anteriores crearon en positivo.

Porque un idioma diminuído e debilitado non se pode prohibir no ensino nen se pode excluir da lexislación que o protexe se verdadeiramente estamos pola cooficialidade real de galego e castelán.

Porque só se pode impoñer o forte sobre o débil, e nunca ao revés.

Por iso apoiamos e estaremos presentes na manifestación que o próximo día 17 de maio e convocada pola MESA, se desenvolverá en Santiago de Compostela.

Lugo, a 14 de maio do 2009

O Presidente 

Lois Diéguez