Imprimir ésta páxina
Mércores, 11 Marzo 2009 23:00

Ciclo: VIÑO E POSESÍA

Libertino, sibarita, acedo, místico e profeta. Así definían ao poeta persa Omar Khayyan (s.XI-XII). Quizabes porque cantaba (e libaba) o viño. As súas rubaiyat ou loas, convidan  á celebración do viño e ao gozo do momento fronte á pouca duración da vida. Velaquí:

Se da miña mocidade é hoxe a festa,

ofrendareina da alba até o ocaso,

apurando a pracer vaso tras vaso

o vello viño que a soñar apresta.

 

O poeta Li Tai Po, Li Bai ou Li Po (s. VIII), viviu durante a época dourada da poesía chinesa, a dinastía Tang. Din que escribiu máis de 20.000 poemas. Os románticos apóñenlle unha morte certamente poética: cando ía, unha noite na súa barca polo río Yangzi, bébedo, como era o seu natural, ollou o reflexo da lúa nas augas e intentou collela. Morreu afogado, claro.

Un vaso de viño entre as flores:

bebo só, sen amigo que me acompañe.

Levanto o vaso e convido á lúa:

con ela e coa miña sombra seremos tres.

 

E Manuel María, o noso poeta máis nacional e íntimo, ao que visitamos na leitura cada día. Amou, como os anteriores (dos cales era gran devoto), o viño. Nas súas horas derradeiras pedía viño ás comidas para aledar eses momentos finais, aínda que lle fixese mal. E cada día da súa vida acompañou o xantar con ese sangue da nosa terra fértil e xenerosa.

...

Nesta vida lene e fuxidía

somentes temos tres compañas

cara ao noso radical desamparo:

o amor, o viñiño e a amistade,

...

 

Son tres dos poetas cos que imos beber e brindar neste novo Ciclo de LugoPatrimonio sobre Viño e poesía. Poetas universais. E miraremos terras galegas e portuguesas onde se cultiva, crea e recrea esta vea vermella do corpo rexo da nación. Como eles, pois, alegremos o corazón e os ollos cunha copa alzada ao ceo, debaixo do firme carballo patrio. Vivimos e bebemos. Bebamos e brindemos, neste momento xusto e preciso, e necesario, polo maior patrimonio que creamos: o noso idioma. Chin-Chin. Chin-Chin...

 

Lugo, marzo do 2009

Lois Diéguez