Imprimir ésta páxina
Sábado, 21 Febreiro 2009 23:00

PALABRAS PARA A APERTURA DO CONGRESO SOBRE PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS


      En base ao lugar que habitamos, os galegos e galegas construímos desde vello formas de traballo, de relación co noso medio, e vemos o mundo con ollos propios, educados precisamente nesas formas e relacións de traballo. As Asociacións que convocan este Congreso levan moito tempo traballando para manter o xeito xenuíno de proxectarnos no cultural: na música, na danza, no lume, ou na picaresca do Entroido. As Asociacións recolleron así a transmisión cedida desde hai séculos polos nosos devanceiros. E, milagrosamente, resistiron o embate da uniformidade predicada pola globalización.  

      Falamos, por tanto, doutra cultura insertada no mundo, rica e variada, pero nosa, propia. Dinámica e colectiva como a predicaban Castelao ou Otero Pedrayo. Ninguén, ante ela, fica parado. Ten que xogar, ten que moverse. Non falamos, por tanto, da cultura pasiva, desa cultura urbana do sofá e da televisión controlada cun mando que nós non gobernamos, aínda que coidemos que si. 

      Este foi o noso intenso traballo asociativo durante dous riquísimos anos. Dignificar a Cultura Inmaterial nosa, nacional, por tanto; comezar a asentala coas axudas precisas. Favorecela no económico e na súa infraestrutura. Chamamos ás portas da Administración e abriron. Quizabes porque tiñamos en común a sensibilidade de emocionarnos diante dos ritos do lume, da danza ou do Entroido legados polos nosos pais. Quizabes porque as consellarías de Medio Rural, Vivenda, Turismo, Cultura ou Benestar Social, e mais a Vicepresidencia da Deputación ou concellos como o de Chantada  Monforte ou a Pobra do Brollón, saben que a construción dunha personalidade, individual ou colectiva, non se pode modelar só coa pedra e o cemento: o sangue da liberdade e do benestar sediméntase na cultura inmaterial cicelada na nosa comunicación social.

      Este Congreso, nesta primeira parte, Xornadas de Primavera, vai unir a teoría necesaria da investigación sobre os nosos ritos festivos, coa práctica popular da súa factura. Aprenderemos pola mañás no científico; polas tardes, no popular, na acción de quen nos convidan a nos meter con eles para mover as emocións variadas. E a segunda parte, con mensaxes de danza e lume, terémola en agosto e setembro. 

      En nome das Asociacións convocantes, agradezo aos patrocinadores do Congreso, Medio Rural e S.A. do Xacobeo, representados polo seu conselleiro e Director Xerente; e ao Concello de Monforte, na persoa do seu alcalde, a axuda prestada, o interese que mostraron arreo para calquera das alternativas que en cada momento lles presentamos. E agradecémolo, sobre todo, porque souberon, saben, que investir na cultura inmaterial é investir tamén na material: os entroidos Ribeirao e de   Salcedo pódennos abrir centros de artesanía, centros de interpretación, rehabilitación de casas e prazas... en fin, a postos de traballo tamén, relacionados, precisamente, co medio rural.

 

      E agradecemos a presenza de todos vostedes por acudir a esta convocatoria que estamos seguros que perfeccionará a consciencia, animará o riso e moverá a diversión. 

      benvidos, benvidas e

      Moitas grazas por participar.  

      Monforte, 22 de febreiro do 2009